Tecnópole celebra unha charla-coloquio para abrir oportunidades de negocio en relación á política ambiental do Concello de Ourense

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
No marco das actividades organizadas con motivo do Día do Medio Ambiente, Tecnópole celebra o próximo xoves 13 de xuño unha charla-coloquio impartida pola concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ourense, Susana Bayo, baixo o título "Ourense, cara a unha cidade ambientalmente sustentable ! ".

A responsable da área ambiental exporá os proxectos que o Concello de Ourense está a levar a cabo neste ámbito e os que se porán en marcha no futuro inmediato. O obxectivo é que as empresas de Tecnópole que traballan nos sectores enerxético e ambiental poidan detectar oportunidades de negocio, aínda que a sesión está aberta a calquera empresa interesada á marxe da súa situación. Tamén existe interese por parte do Concello en recoller ideas e suxestións achegadas polos empresarios do sector para acometer novas iniciativas.

A inscrición na charla-coloquio, que terá lugar no edificio CEI ás 12.30 cunha duración prevista dunha hora, pode realizarse pinchando aquí.

Día do Medio Ambiente

Este evento forma parte do programa de actividades organizado por Tecnópole para celebrar o Día do Medio Ambiente. Este ano, ademais do xa tradicional concurso fotográfico, sumouse como novidade unha xincana ambiental de carácter virtual organizada o 5 de xuño coa colaboración da empresa Contact Comunicación.

O concurso fotográfico 'Tecnoambiental' chega á súa cuarta edición coa posibilidade de que participen todos os traballadores das empresas e centros tecnolóxicos de Tecnópole ata o 21 de xuño.

Partindo dun enfoque conceptual libre e aberto, as fotografías deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou ámbito relacionado co medio ambiente sempre que estea localizado dentro do recinto de Tecnópole.

Cada participante pode presentar un máximo de tres fotografías orixinais e inéditas a través de correo electrónico (sabela@tecnopole.es) ou da canle de Tecnópole en Twitter mediante mensaxe directa ou usando o hashtag #Tecnoambiental, indicando o nome da obra e un contacto.

As fotografías poderán estar en formato JPG ou TIFF, cunha resolución mínima de 1772 x 1181 pixeis (abondará unha cámara de 2Mpx), para poder reproducir as fotos en formato 30 x 20 cm. A resolución do premio, que consistirá nun vale de 100 euros para a adquisición de accesorios fotográficos, darase a coñecer o día 28 de xuño.

A xincana ambiental, na que participaron 23 persoas, baseouse nun itinerario tecnolóxico virtual deseñado e habilitado pola empresa Contact Comunicación. Estaba composto por tres códigos BIDI colocados en diferentes puntos do recinto de Tecnópole que os participantes debían descubrir. Cando os participantes foron descubrindo e descargando os códigos atopáronse con curiosidades sobre enerxía achegadas por outras tres empresas do Parque (Ingeo, Gaélica Soar e Kinetika Innovacións Estruturais) e recomendacións de boas prácticas ambientais formuladas por Contact Comunicación.

(Fonte: Tecnópole)