Tecnópole acolle o lanzamento de software libre e dun portal de traballo específicos para as pemes do sector das enerxías renovables

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

As pemes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal do sector das enerxías renovables contan dende agora con ferramentas de software libre e un portal web de traballo especificamente desenvolvidos para cubrir as súas necesidades no marco do proxecto transfronteirizo ER-INNOVA.
 
Cincuenta pemes galegas déronse cita o pasado venres en Tecnópole para formarse no uso destes recursos, deseñados co obxectivo de mellorar a súa xestión de recursos empresariais, dinamizar a cooperación en proxectos conxuntos de innovación e promover a implantación nelas do comercio electrónico.
 
Na xornada técnica participaron non só a trintena de pemes participantes na fase piloto de implantación de ferramentas do proxecto, senón tamén outras pemes, centros tecnolóxicos, asociacións empresariais e demais axentes do sector galegos interesados no manexo destas ferramentas, cuxo obxectivo final  é facelas extensivas a todo o sector.
 
Planificación de recursos
 
A ferramenta de escritorio estrela presentada o pasado venres é unha aplicación de software libre de planificación de recursos empresariais (ERP). A súa descarga é gratuíta e está a disposición de todas as empresas do sector que o desexen en www.er-innova.com. Tal e como se explicou na xornada, trátase dun conxunto de sistemas de información xerencial que permite a integración de certas operacións da empresa, especialmente as que teñen que ver coa produción, a loxística, o inventario, os envíos e a contabilidade. O seu deseño, realizado durante os últimos meses por empresas do sector das tecnoloxías de información e as comunicacións, partiu das necesidades detectadas nun intensivo proceso de consultoría realizado en medio centenar de pemes do sector das enerxías renovables de Galicia e o Norte de Portugal.
 
Segundo se lles explicou ás pemes e entidades participantes na xornada formativa, a gran vantaxe destes sistemas é que permiten integrar nunha soa aplicación todas as bases de datos relacionadas coa xestión da empresa, o que permite optimizar os procesos e obter a información de xeito máis rápido e preciso, ademais de permitir que todos os usuarios poidan compartir datos e acceder a eles de forma rápida e actualizada.
 
Portal energytic.eu
 
Na xornada, de carácter eminentemente práctico, explicouse tamén o funcionamento de www.energytic.eu, o novo portal web colaborativo que constituirá o punto de encontro e información para as empresas e entidades interesadas en promover proxectos conxuntos de I+D+i no ámbito das renovables, un requisito indispensable para acceder a instrumentos de financiamento internacionais, como os do VII Programa Marco da Unión Europea. Para iso, o portal recolle información actualizada sobre as convocatorias de financiamento específicas para o sector e permite que os axentes se rexistren e os axentes publiquen os seus perfís de I+D e as súas buscas de socios para proxectos.
 
Por outra banda, o portal inclúe un mercado virtual de intercambio de bens e servizos e un completo sistema de facturación electrónica a disposición das empresas rexistradas que inclúe a custodia dos documentos emitidos para que estean accesibles en todo momento. Este último sistema espertou especialmente o interese das empresas participantes na xornada, algo que xa se esperaba dado que durante a fase de consultoría se detectaran especiais carencias neste ámbito nas pemes do sector.
 
O portal complétase cun directorio de axentes rexistrados cunha ficha informativa por cada un de eles, unha sección de actualidade na que se publican as noticias máis destacadas do sector e cun apartado no que se anuncian os eventos relacionados co ámbito das enerxías renovables. Ademais, habilitáronse canles en Facebook e Twitter accesibles dende o portal para fomentar unha comunicación fluída entre os axentes rexistrados.
 
Proxecto ER-INNOVA
 
O proxecto ER-INNOVA, que finalizará no próximo mes de xuño, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE ao amparo do Programa Operativo de Cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, cun financiamento total de 931.693,68 €.
 
Os socios do proxecto son, ademais de Tecnópole, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través de OPIDi; a Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET); e NET Novas Empresas e Tecnoloxias, S.A.-Business and Innovation Centre de Porto (NET-BIC Porto).
 
(Fonte: ER-INNOVA)