Tecnópole acada o 60% de autonomía financeira aumentando os ingresos propios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Os ingresos xerados por Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- á marxe da subvención corrente da Xunta de Galicia durante o exercicio 2010 volveron aumentar sobre o ano anterior, o que lle permitiu acadar por primeira vez o 60% de autonomía financeira.

Segundo os datos manexados o pasado xoves na reunión do Consello de Administración da entidade, dos 1,17 millóns de euros recadados durante o exercicio anterior, 924.500 euros correspóndense coa facturación por alugueres e servizos prestados e máis de 221.000 euros con proxectos realizados, o que supón un incremento do 10% respecto a 2009. 
 
Desta maneira, o aumento dos ingresos conseguidos por servizos, alugueres e proxectos non só permitiu reducir por cuarto ano consecutivo o cociente de ingresos sobre a subvención corrente, senón mesmo incrementar en catro puntos sobre 2009 o nivel de autonomía financeira.  
 
A subvención da Consellería de Economía e Industria para o financiamento da xestión corrente reduciuse en 2010 en máis dun 14%, pasando dos 700.000 euros de 2009 a 600.000 euros en 2010 e continuando así cunha liña descendente neste capítulo -en 2008 a subvención ascendía a 800.000 euros- que Tecnópole foi capaz de compensar con ingresos propios a pesar da recesión económica, grazas á optimización do control nos gastos correntes.
 
En resumo, isto supuxo unha distribución dos ingresos totais na que os servizos prestados e os proxectos pesaron un 60% e a subvención un 31%, correspondendo o 9% restante a conceptos financeiros. A isto hai que sumar a aposta da Xunta de Galicia polo investimento en infraestruturas para Tecnópole, á que destinou 1,7 millóns de euros en 2010. 
 
Cinco novas empresas
 
O Consello de Administración deu tamén o seu visto bo á instalación de cinco novas empresas na Tecnópole.
 
No Centro de Empresas e Innovación, a incubadora principal do recinto, comezan a súa actividade catro empresas. Enyiris Design Thinking Lab ten como obxectivo desenvolver procesos innovadores de comunicación corporativa a través de internet, as redes sociais e interfaces electrónicas. Pola súa banda, Consultoría de Técnicas Ambientales dedicarase á auditoría e control de calidade no aproveitamento de residuos, en inventarios medioambientais e en barreiras integrais de impermeabilización para líquidos e residuos, entre outros. Persal Consultoría ofrecerá asesoramento e formación sobre a Ley Oficial de Proteción de Datos (LOPD). Por último, Serantes Renovables dedicarase ao desenvolvemento, explotación, produción e venda de enerxía solar e eólica.
 
No Edificio Tecnópole I entra a empresa de nova creación XEV Manufacturing, promovida por Xero Vehículos Eléctricos e creada para levar a cabo proxectos de I+D+I relacionados coa electromobilidade. Concretamente para este ano 2011 queren coordinar desde a Tecnópole varios prototipos de coches e comezar o deseño dunha motocicleta con solucións punteiras en baterías e obtención de enerxía.
 
Alianzas operativas
 
Os membros do Consello de Administración foron informados tamén das xestións que a Tecnópole está a realizar para establecer alianzas operativas con entidades de similares características co obxectivo de estender o seu ámbito de influencia e mellorar en capacidade de servizo ás súas empresas e centros e a todo o Sistema Galego de Innovación.
 
Neste sentido, durante os últimos meses a Tecnópole participou activamente no desenvolvemento da Rede Galega de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras (Incuba.t.net), que está en trámites de convertirse formalmente nunha asociación. Ademais de varios encontros de traballo, xa se fixeron intercambios de persoal entre as entidades da rede para compartir boas prácticas e ferramentas de traballo.
 
Por outra parte, a Tecnópole está a tomar parte na consolidación do Foro de Parques Científicos e Tecnolóxicos do Noroeste, que inclúe aos parques de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela León. Entre outros obxectivos, esta plataforma pretende poñer as bases necesarias para desenvolver proxectos conxuntos cofinanciados con fondos nacionais ou europeos, xestionar servizos comúns e potenciar o traballo en rede.
 
(Fuente: Tecnópole)