Tecnópole abre o prazo de inscrición para o seu campamento tecnolóxico de verán

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Parque Tecnolóxico de Galicia acaba de abrir o prazo de inscrición para o único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) chegan á súa terceira cita anual o próximo mes de xullo cun incentivo con motivo do décimo aniversario da Galiciencia: os dous equipos de alumnos que presenten os mellores proxectos terán asegurado un stand para mostralos ao público durante esta edición especial da feira, que se celebrará en novembro.

O campamento terá lugar entre o 1 e o 14 de xullo e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, o programa incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Este ano a actividade estrela será a robótica, con sesións de formación todos os días do campamento.

Aínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.

As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.

Espírito de equipo

Todas as actividades se desenvolverán en equipo, mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo.

Dado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, tratarase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

As aptitudes comunicativas e a expresión corporal terán un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, recibirán educación ambiental e aprenderán hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.

O custo por participante será de 260 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades. A preinscrición está xa aberta na web t2w.tecnopole.es.

(Fonte: Tecnópole)