Tecnoloxías urbanas intelixentes, cidades máis resilientes

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

En Europa, a poboación que vive en cidades e pobos supón o 73%, polo que é unha das rexións máis urbanizadas do mundo. E as perspectivas apuntan a que esta cifra aumentará, cos retos que iso implica, como por exemplo a necesidade de apostar por un desenvolvemento urbano sustentable. Por iso o proxecto europeo SMURBS, do que participan socios de 12 países europeos, traballa para mellorar a calidade de vida en zonas urbanas da man das tecnoloxías que definen as smart cities.

O obxectivo desta iniciativa, informaron dende a Comisión Europea, é "aumentar a resiliencia urbana e a calidade de vida nas rexións metropolitanas. Para logralo dedícase a retos relacionados coa calidade do aire, o crecemento urbano, as catástrofes naturais e antropoxénicas, a sanidade e a migración". En total participan 19 socios, entre eles España, que está representada polo Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG), vinculado ao Ministerio de Fomento e o Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF), da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB).

Tal e como destacaron dende o propio proxecto, os datos medioambientais e de observación da Terra dispoñibles non só son moitos, tamén están moi fragmentados, ao almacenarse en sistemas e instrumentos moi distintos. Isto supón un grave impedimento, xa que dificulta que se poida compartir datos e coñecementos entre partes interesadas e responsables políticos. Por iso, sinalaron dende a Comisión Europea, "SMURBS proponse colaborar con certas cidades de Europa para reunir e integrar estes recursos nos que se inclúen datos satelitais, redes e sensores sobre o terreo, sistemas aéreos non tripulados, modelos e observatorios cidadáns". Desta forma, os datos obtidos usaranse para xerar información, ferramentas e servizos novos que respondan ás necesidades de cidadáns e lexisladores.

Intelixentes e sustentables a longo prazo

Para iso, o primeiro que farán é impulsar unha planificación estratéxica, establecendo vínculos entre todas as partes involucradas (autoridades locais, urbanistas e interesados a escala metropolitana), coa idea de rexistrar que é o que se necesita e que é o que xa está dispoñible. A partir de aí, o segundo paso consistirá en deseñar, implementar e crear sinerxías para que os socios xeren unha carpeta de tecnoloxías urbanas intelixentes e sustentables a longo prazo que satisfagan tanto a urbanistas como a lexisladores e que se porán en marcha en cidades piloto, bancos de probas e estudos prácticos.

(Fonte: Innovaspain)