As tecnoloxías de impresión 4D piden paso mentres o 3D revoluciona a industria de todos os sectores

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As tecnoloxías de impresión 4D esperan o seu momento para irromper no mercado con solucións que parecen de ciencia-ficción, mentres o 3D está a revolucionar xa os procesos industriais de todos os sectores. A fundadora de masque3D, Ana Gómez, expuxo estas e outras claves das tecnoloxías aditivas no almorzo tecnolóxico de Tecnópole do mes de xuño, ao que acudiron numerosos representantes de empresas interesadas en coñecer mellor esta ferramenta.

Gómez fixo un percorrido polos diferentes tipos de impresoras 3D que existen actualmente no mercado, moi evolucionadas e con multitude de variantes desenvolvidas especialmente nos últimos seis anos, dende a popularización desta tecnoloxía, cualificado por ela como "a terceira revolución industrial". Neste ámbito, citou dende as máis innovadoras e sofisticadas, como a desenvolvida polo MIT para imprimir vidro, ata as domésticas, que permiten ter esta tecnoloxía na casa a partir de 80 euros.

Polo que se refire aos materiais, a fundadora de masque3D asegurou que cada día aparecen novas opcións. Explicou que a base habitual é a base de pellets de amidón de millo e ácido láctico, "totalmente biodegradable, pero existen xa moitas variantes con recubrimentos que brillan na escuridade, flexibles, de madeira, de cerámica, de metal, magnéticos, condutivos ou mesmo reciclados (como o que se investiga na Universidade de Vigo a partir da casca de mexillón).

Da industria á comida

A pesar de que nun principio foi a industria a que concentrou os usos da impresión 3D, con vantaxes moi importantes nos procesos grazas á produción de moldes, maquetas e prototipos, as aplicacións actuais só teñen como límite a imaxinación. Segundo explicou Ana Gómez, ademais dos xogos de mesa, os drons, as xoias, a escultura e os instrumentos musicais, esta tecnoloxía está a permitir xerar avances en campos como a medicina, a moda ou a alimentación. Os implantes e próteses, os audiófonos, as zapatillas deportivas, os complementos e ata as pizzas estanse a imprimir xa en 3D, así como edificacións enteiras e pezas para coches de fórmula 1.

Como casos de éxito citou a Adidas, que conseguiu un aforro de catro a seis semanas de traballo na creación de modelos novos grazas á impresión de prototipos. Tamén a Airbus, que comezou a imprimir as fibelas dos cintos de seguridade en titanio, coa conseguinte redución de peso e custos. Ou o caso dun cardiólogo infantil de Miami que, imprimindo modelos e traballando neles antes, está a lograr índices moi altos de éxito en operacións a corazón aberto en nenos.

Sobre o futuro, Gómez destacou que a profesión de deseñador 3D está catalogada como unha das cinco que maior potencial presenta, ao que engadiu que xa se comezaron as probas da impresión 4D, que introduce a cuarta dimensión, a do tempo. "Permitirá facer pezas que se modifiquen a si mesmas co paso do tempo, o que, por exemplo, no sector téxtil fará posible a produción dunha mesma prenda en diferentes talles", concluíu.

(Fonte: Tecnópole)