Tecnoloxía con marca USC para ‘transportar’ a vacina

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveron unha tecnoloxía rápida e económica para a creación de moléculas eficaces como vehículo de transporte dunha posible vacina contra a covid-19. En concreto, este mecanismo permite replicar a estrutura de calquera proteína do virus e deseñar con gran celeridade un mensaxeiro para que as células humanas sinteticen o antíxeno.

Este proxecto, que conta co apoio da liña do programa de micromecenado “Sumo Valor” destinada a combater os efectos da pandemia, está liderado por Javier Montenegro desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). En concreto, o seu equipo traballa na obtención dunha molécula que sexa eficaz como vehículo de transporte dunha posible vacina e é un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina contra a covid.

Segundo explica o investigador, trátase dunha vacina baseada no emprego da tecnoloxía do ARN (acedo ribonucleico) mensaxeiro. Estas moléculas codifican na súa estrutura a información para a síntese dunha proteína. Cando penetran no interior das células, a maquinaria molecular empeza a funcionar para sintetizar a proteína que codifica este mensaxeiro. Segundo apunta, é unha tecnoloxía similar á vacina que está a desenvolver a farmacéutica estadounidense Moderna, que nestes intres está entre as estratexias máis avanzadas na carreira por conseguir un antídoto contra este virus.

A diferenza doutras metodoloxías, a empregada polo equipo de químicos da USC usa un novo vehículo eficiente e non tóxico para expresar a proteína exacta da covid-19. “As proteínas sofren modificacións dentro das células pero a tecnoloxía do ARN mensaxeiro permita estas modificacións, polo que é unha réplica do antíxeno natural”, sinala o investigador do instituto de investigación compostelán.

Os investigadores da USC xa constataron que o seu modelo funciona en animais, presentando máxima eficiencia e sen toxicidade. Agora están a probar se é eficaz con proteínas de coronavirus, se xera anticorpos específicos para proteínas do SARS-CoV-2. O seguinte paso será comprobar se os anticorpos son neutralizantes para o virus, respecto do que Montenegro se manifesta “moderadamente optimista”.

A finalidade é que esta tecnoloxía sexa eficaz para o desenvolvemento dunha tecnoloxía xeral de vacinación para o SARS-CoV-2 e para calquera antíxeno emerxente baseado no ARN mensaxeiro e “cento por cento galega”. Por outro lado, os investigadores destacan que, no caso de que apareza unha nova familia de coronavirus, sería posible replicar a súa estrutura con rapidez e desenvolver unha nova vacina. Isto sería aplicable a todo tipo de virus porque a proteína que expresa a molécula mensaxeira é exactamente a do antíxeno.

Fonte: El Correo Gallego