Tecnoloxía galega para control en desinfección de superficies

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A compañía biotecnolóxica galega AMSlab, con sede en Lugo e socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), lanza COVID-19 Control System, un novo servizo de análise para detectar a presenza de coronavirus en todo tipo de superficies e contornas de traballo. Trátase dun procedemento que permite avaliar a eficacia de protocolos de hixiene e desinfección contra o mortal e contaxioso virus en establecementos abertos ao público, lugares con presenza de visitantes ou espazos de traballo frecuentados, para así minimizar o posible risco de contaxio do patóxeno.

O laboratorio lucense sinala que traballa contrarreloxo para adaptar os seus servizos ás novas necesidades que xorden ante a pandemia provocada entre a poboación polo covid-19. Coa reapertura ao público de moitos centros de traballo, negocios e establecementos comerciais e de hostalaría, aumenta a necesidade de extremar as medidas de control para evitar a presenza de coronavirus e garantir a seguridade do local.

Como funciona?

Segundo explican desde AMSlab, en primeiro lugar realízase unha avaliación de riscos e elabórase o plan de actuación que define as zonas críticas a analizar e a frecuencia de mostraxe. Estes factores dependerán do sector, do tipo de negocio e das propias características do establecemento. Unha vez recollidas as mostras e analizadas as zonas e puntos críticos, se o resultado é negativo en SARS-Cov-2, a compañía emite un informe e un selo que garante que o protocolo de limpeza e desinfección utilizado foi efectivo no día e a hora indicados. O selo inclúe un código QR que rexistra toda a información relativa ao informe das probas (puntos analizados no local, data, hora e resultado).

Para realizar as análises, AMSlab utiliza a técnica baseada en RT-PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) mediante a cal se amplifica e detectan fragmentos de ARN (ácido ribonucléico) do patóxeno.

Este servizo está dirixido a todo tipo de industria, comercios, establecementos ou espazos que xeren máis risco por mor da concentración de persoas. Tamén é útil, segundo apuntan desde a empresa galega, para a industria alimentaria, laboratorios de alimentos e consultoras de Análises de Perigos e Puntos de Control Crítico.

Valor engadido

“É un valor engadido para garantir que os protocolos de limpeza e desinfección que utilizan os establecementos son efectivos e que as instalacións son seguras tanto para empregados como para clientes e provedores”, asegura Manuel Lolo, CEO de AMSlab. Engade que os usuarios deste novo servizo “transmiten confianza e seguridade, xa que seguen un protocolo de limpeza e desinfección e ademais realizan verificacións periódicas para detectar a posible presenza do virus”, sentenza Manuel Lolo.

Fonte: El Correo Gallego