Tecnoloxía 4.0 no viño galego

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A empresa galega Martín Códax participa nun proxecto da Xunta que permite ás industrias implantar a última tecnoloxía para gañar en competitividade e calidade.

No mundo da industria ben podería aplicarse aquilo de modernizarse ou morrer, e nos tempos que corren, para seguir na brecha é necesario ir da man das novas tecnoloxías. A Xunta de Galicia promove un plan piloto no campo 4.0 que permite a 75 empresas e organismos intermedios dos sectores da automoción, aeronáutica, metal, madeira e agroalimentario aplicar esta tecnoloxía. Entre elas, a adega Martín Códax, que accedeu a este plan de axudas mediante o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

Os esforzos pola modernización nos sistemas de produción están a dar resultados. Segundo os datos facilitados polo Igape, as exportacións de produtos agroalimentarios en Galicia sumaron ata novembro do pasado ano 2.642 millóns de euros, un dez por cento máis que no mesmo período do ano anterior.

Planta de envasado

Nada queda ao chou na planta de envasado de Martín Códax. Nada pode alterar os controis de calidade nesa sección da adega. Quen entra alí debe despoxarse de bolsos, colgantes, aneis, bolígrafos e demais complementos e enfundarse bata, gorro e cobre-barbas -para quen a precise- co fin de evitar alteracións externas no escrupuloso proceso de embotellar.

É a última fase pola que pasa o viño despois de fermentar nas cubas e a que proporciona aos Martín Códax a súa imaxe de marca. Coa implantación da tecnoloxía 4.0, os controis de calidade esmeráronse tanto que se a etiqueta se move un milímetro fóra dos estándares establecidos, retírase. Grazas a esta aposta tecnolóxica, todas as máquinas que interveñen no proceso de embotellado están conectadas, o cal permite controlar o nivel de enchido e o escanedo das etiquetas mediante a visión artificial. O resultado é unha optimización dos tempos na organización do traballo e un maior control sobre a trazabilidade do produto.

O director xeral de Martín Códax, Juan Vázquez, explica as vantaxes. "O 4.0 achega máis valor aos produtos, adaptándoos ás necesidades dos consumidores e ofrecendo máis información, a eles e a nós. Estamos camiño de que calquera consumidor poida identificar a través da etiqueta e a contraetiqueta toda a historia da botella e da uva, mesmo aspiramos a que poida identificar ao viticultor, e algún día non moi afastado, que ese viticultor poida contarlle ao consumidor, a través da pantalla do móbil, toda a historia da súa colleita".

En Martín Códax están a dar os pasos para que ese momento chegue máis pronto que tarde, e programas como os que está impulsando a Xunta contribúen a que a industria agroalimentaria galega poida posicionarse e ser máis competitiva en Europa. A firma cambadesa abriu o camiño e xa hai outras empresas do sector que se están a sumar a este carro. A colleita do 2017 de Rías Baixas foi boa e o consumidor demanda brancos. "Estamos nun momento bo", sinala Vázquez, e a tecnoloxía pode ser unha grande aliada para que esta denominación de orixe siga conquistando mercados.

(Fonte: La Voz de Galicia)