Técnicos vigueses crean células solares transparentes para ventás e fachadas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Centro Tecnolóxico AIMEN e a empresa Ferroatlántica lideran un proxecto europeo que busca fabricar células fotovoltaicas de baixo custo transparentes e flexibles, que se poidan integrar en ventás, fachadas, marquesiñas e mesmo pezas de vestir.
 
Trátase da iniciativa PhoSil (Photovoltaic Cell Architectures basee on Advanced Laser Processing ou Silicon), á que AIMEN achega a súa experiencia en tecnoloxía láser e Ferroatlántica, os seus coñecementos na produción de silicio.
 
As células fotovoltaicas son aqueles elementos integrados nos paneis solares que transforman a luz en enerxía eléctrica, compostas por unha delgada lámina de material semicondutor, principalmente silicio con certo grao de pureza. O proxecto PhoSil quere reducir o elevado custo de fabricación destas células, mediante a reutilización daquelas obleas de silicio que fosen rexeitadas por gretas ou roturas -entre o 3% e o 5% desbótanse durante o proceso de produción por estes motivos-, abrindo un amplo abano de posibilidades para a industria fotovoltaica.
 
A través da tecnoloxía láser e varios procesos químicos, este proxecto europeo rebaixará ata en máis dun 60% o peso do silicio necesario para fabricar unha célula, ao facelas moito máis delgadas (por debaixo dos 80 microns), segundo apuntan dende AIMEN. As novas células captarán a luz polas dúas caras e serán flexibles e transparentes, o que disparará as súas posibilidades de uso. Así, segundo AIMEN poderanse integrar en ventás, fachadas e marquesiñas, pero tamén en pezas de vestir que leven compoñentes electrónicos (como luces) e en dispositivos autónomos, como sinais de tráfico, sensores ou equipos de comunicacións.
 
Técnicos do Centro Tecnolóxico AIMEN explican que a tecnoloxía de corte por láser logra un menor desperdicio de material na fabricación das células fotovoltaicas. Os módulos fabricados a partir de obleas recicladas aforran un 30% de enerxía en comparación con aqueles que se producen utilizando novos materiais. Segundo os técnicos, entre o 5% e o 8% das células solares convértense en ferralla electrónica por problemas de fabricación, o que supón unhas perdas de 500 millóns para as empresas. En 2020 espérase que se teñan xerado 35.000 toneladas de células solares gastadas ou fóra de servizo, para o que non existe ningunha solución tecnolóxica satisfactoria hoxe en día, á marxe da súa trituración e refusión.
 
Ademais de Ferroatlántica e AIMEN, participan no proxecto o centro francés Irepa Laser (especializado no procesado láser de materiais), o instituto grego Iceht-Forth (enxeñería e procesos químicos) e a empresa helena Advent. As investigacións sobre novas células fotovoltaicas disparáronse nos últimos anos. Mesmo o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) traballa sobre un proxecto de célula solar orgánica transparente.
 
(Fonte: Faro de Vigo)