Supercomputación contra a marea vermella

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o Centro de supercomputación de Galicia (Cesga) alíanse para desenvolver modelos que predigan episodios de contaminación por algas ou a distribución do 'stock' pesqueiro.
 
A pesca e a acuicultura non son só cousa dos homes e as mulleres que cada día faenan na costa. O Instituto Español de Oceanografía (IEO) é un dos centros públicos de investigación mariña que pon o seu coñecemento ao servizo desta importante actividade na economía galega, e dende hai uns días tamén o é de forma oficial outro aliado científico terra dentro, o Centro de supercomputación de Galicia (Cesga).
 
O Cesga axudará ao IEO a desenvolver ferramentas para predicir con días de antelación a chegada e a evolución das algas tóxicas que provocan as mareas vermellas que paralizan o marisqueo, ou estimar a distribución e a abundancia que haberá nas pesqueiras. "Debemos ofrecer algo de utilidade ao sector [pesqueiro]. Hai demanda de información pola súa parte, e grazas aos avances computacionais estamos en disposición de facelo", resalta Manuel Ruiz, investigador do centro do IEO na Coruña.
 
A colaboración destes dous organismos científicos non é nova, pero ambos os dous acaban de selar institucionalmente a súa relación co convenio de colaboración presentado na sede do supercomputador Finis Terrae, en Santiago de Compostela. O acordo permitirá ao IEO da Coruña dar un impulso á súa liña de modelización tridimensional do ecosistema mariño, que simula as condicións da plataforma galega e cantábrica e da portuguesa ao norte de Lisboa, onde se concentran pesqueiras de grande interese socioeconómico para España, como as da anchoa, a cabala, a sardiña ou a pescada.
 
Os modelos matemáticos pretenden predicir aspectos importantes para o sector pesqueiro, como cando e onde terá lugar unha marea vermella, minimizando así o seu impacto económico; a dispersión dunha vertedura contaminante ou onde se situarán ou que volume terán os diferentes stocks pesqueiros.
 
A precisión que se busca esixe unha observación constante do océano, tomando datos que van da salinidade á evolución das correntes. Son unha inxente cantidade de medicións e múltiples variables que requiren cálculos que hai só 15 anos eran inabordables, e que aínda hoxe en día coas ferramentas do IEO se demorarían horas, ou mesmo días. "No Cesga resólvense en minutos", compara o director do IEO en Vigo, Valentín Trujillo. "E agora podemos ver en tempo real as correntes, as temperaturas da auga dende o norte de Portugal,", engade entusiasmado.
 
(Fonte: El Correo Gallego)