A startup galega Handytronic presenta a súa cadeira de rodas intelixente en Silicon Valley

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

A cadeira de rodas intelixente de Handytronic, guiada por ondas cerebrais, foi presentada no congreso Wearable Tech + Digital Health + Neurotech Silicon Valley, organizado pola Universidade de Stanford (Estados Unidos), evento de referencia internacional no campo da Neurociencia e as tecnoloxías para a saúde.

Jacobo Penide, director xeral de Handytronic, presentou un relatorio para explicar o desenvolvemento da cadeira de rodas intelixente, baseada nunha plataforma de electroencefalografía que permite ler os impulsos cerebrais e traducilos en movemento, aprendendo das pautas neuronais de cada usuario. Xunto a este proxecto, Penide expuxo tamén unha evolución desta solución igualmente fundamentada na Neurociencia e a Intelixencia Artificial. Trátase dunha plataforma para o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva e as enfermidades mentais.

A plataforma que Handytronic desenvolve xunto a equipos médicos especializados en enfermidades mentais do Hospital Marítimo de Oza (A Coruña) e da área de saúde mental do Complexo Hospitalario de Ferrol permite definir biomarcadores clave no diagnóstico precoz da deterioración cognitiva. O equipo desenvolvido por esta startup galega integrada no grupo Telecon recolle os impulsos eléctricos do cerebro do paciente e unha serie de parámetros biomédicos seleccionados e, a través de algoritmos de Intelixencia Artificial, establece correlacións entre os patróns de actividade neurolóxica detectada, a partir das cales é posible realizar o diagnóstico. O proxecto prevé a próxima realización dun ensaio clínico cun centenar de pacientes afectados en diferentes graos por declive cognitivo, depresión ou demencia.

"O interface cerebro-computador no que traballamos neste proxecto é basicamente o mesmo que nos permitiu desenvolver a nosa cadeira de rodas intelixente. As bases tecnolóxicas proporciónannolas a Neurociencia e a Intelixencia Artificial, nas que cremos que están as claves para desenvolver solucións efectivas e economicamente sustentables para axudar a persoas con diversidade funcional ou que padecen algún tipo de deterioración cognitiva", sinalou Jacobo Penide.

O proxecto conta coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC), a través do Máster de Informática Biomédica. A recente posta en marcha da Cátedra Handytronic sobre Bioinformática para Ciencias da Saúde permitirá completar o proxecto de I+D nas súas próximas fases.

(Fonte: Economía en Galicia)