A start-up Insylo deseña un sensor para controlar o nivel de gran dos silos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Controlar remotamente o nivel de penso que hai nun silo dunha explotación gandeira xa é posible grazas a Insylo. Con esta tecnoloxía, a empresa instalada no Parque Científico de Xirona deseña uns sensores que permiten a optimización da cadea de subministración de pensos mediante a monitorización dos silos das explotacións e a provisión de servizos intelixentes na nube para a colaboración entre granxeiros e distribuidores de penso. Tan doado como coñecer os niveis a través dunha aplicación móbil.

A start-up fundouse en maio de 2013, e nuns inicios o obxectivo era desenvolver proxectos da Internet das Cousas (IOT), é dicir, a conexión dixital de feitos cotiáns. Pronto, non obstante, explica o fundador e CEO de Insylo, Jaume Helada, "apostamos por desenvolver unha plataforma online para a xestión remota dos inventarios de produtos sólidos a granel almacenados en silos ou colectores. A idea xurdiu porque fixemos algúns proxectos para grandes fabricantes de penso para optimizar rutas de distribución ás granxas e decatámonos de que non dispoñían de ningunha tecnoloxía fiable e alcanzable para monitorizar os inventarios dos silos".

A tecnoloxía de Insylo fixo posible un produto que a industria gandeira e da construción había tempo que pedía. A clave, explica Helada, "é a produción dun sensor eficiente, económico e doado de instalar porque hai explotacións que teñen miles de silos, e polo tanto, se o produto non é barato, é imposible que o poidan aplicar". O funcionamento é moi sinxelo, xa que Insylo permite compartir a información do nivel das existencias dos clientes e procesar automaticamente as ordes de reposición. "Con esta tecnoloxía, o que antes se facía manualmente e supoñía investir máis tempo, agora é posible remotamente. Introducimos a innovación en sectores moi tradicionais", sinala o fundador da empresa.

Aforro de 500€ ao ano

Con Insylo, dende un teléfono móbil coñécense os niveis de produtos que hai no silo e avisa cando as súas existencias están baixas. Aparte, tamén permite aforrar, segundo Helada, 500 euros por silo ao ano, reducindo a man de obra e os gastos de transporte. Ambientalmente tamén é unha tecnoloxía pioneira, xa que reduce as emisións de dióxido de carbono do transporte ata un 25%.

O sensor de Insylo é único no mercado e a compañía dispón dunha patente internacional. Actualmente a start-up xerundense está formada por un equipo de 11 persoas e ten clientes en varios países europeos, en Arabia Saudita e en México, onde xestionan miles de silos. Helada explica que "temos máis clientes internacionais que nacionais. Isto débese ao mundo globalizado no que vivimos. Nós démonos a coñecer en ámbitos europeos e por foros de innovación, onde nos fixemos visibles. Hoxe en día, as novas tecnoloxías facilítannos a conexión e a busca de clientes, e é tan doado xestionar un cliente de Cataluña como un de fóra. Mesmo nos veu preguntar polo sistema unha empresa de Thailandia".

Para Insylo, a clave do éxito do seu produto foi apostar fortemente pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. "As pequenas empresas temos máis complicado aplicar as novas tecnoloxías, porque non temos tantos recursos como as empresas grandes. Nós apostamos dende o inicio. O desenvolvemento final do produto levounos tres anos de investigación, pero deu o seu froito", explica, engadindo que o máis complicado é "facer entender ás pequenas empresas os beneficios que lles pode supoñer investir en novas tecnoloxías. Hai concienciación".

(Fonte: APTE)