Sonen Acústica celebra un seminario online gratuíto sobre o seu proxecto A Casa do Son

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A empresa de enxeñería acústica Sonen Acústica, en colaboración coa spin-off de software para enxeñería Sound of Numbers, presenta esta semana nun seminario online gratuíto a iniciativa A Casa do Son. Á sesión en español do martes 25 séguea outra en inglés o mércores 26.

Os responsables de presentar este proxecto son os enxeñeiros acústicos Pablo Gómez e Javier Sanz, que exporán aos asistentes as súas ideas para a construción dun edificio destinado a albergar a un gran número de actividades culturais musicais. Este proxecto serviu como proxecto fin do Máster Universitario en Enxeñería Acústica da Edificación e Medio da Universidade Politécnica de Madrid para ambos os dous relatores.

Segundo informa a empresa, o interese do proxecto radica en que, a pesar de certas iniciativas como a que promoveu a Xunta de Galicia para a creación de locais de ensaio, a demanda segue superando a oferta debido a que decenas de grupos musicais reclaman os seus espazos nas cidades.

O edificio proposto, ademais de facilitar espazos, posibilita a eclosión de iniciativas socio-culturais. Ademais das salas de ensaio, a infraestrutura xera espazos como auditorios e cafetería nos que os grupos interactúan e organizan actividades, eventos, etc. En principio, concibiuse para unha das cidades nas que máis demanda de locais de ensaio hai: Santiago de Compostela.

Tal e como explican os promotores desta iniciativa, para proxectar un edificio destas características, aínda que pareza trivial, é primordial ter en conta os factores acústicos. Por este motivo, as salas de ensaio, de audición e de gravación e o pequeno auditorio foron pensados dende o punto de vista acústico, pero sempre avogando pola eficiencia e tendo en conta a conxuntura económica actual.

O equipo fundamentou o proxecto na predición de niveis de illamento acústico e demais parámetros como intelixibilidade da palabra, claridade musical, etc. que serán optimizados mediante métodos innovadores.

O Concello de Santiago de Compostela colaborou facilitando datos da posible situación, mentres que Sonen participou achegando a súa experiencia neste tipo de proxectos e fixo de interlocutor coa empresa Sound of Numbers para facer uso das súas ferramentas software de cálculo de illamentos acústicos.

O webinar será totalmente gratuíto, basta con rexistrarse a través da páxina www.soundofnumbers.net. O seminario en castelán celébrase o martes 25 ás 16:00, mentres que a sesión en inglés terá lugar ao día seguinte á mesma hora.

(Fonte: Sonen)