Smartgecko, a solución 4.0 para os almacéns do futuro (Tecnópole)

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O auxe do comercio electrónico implica respostas loxísticas cada vez máis precisas e rápidas, nas que a xestión do almacén é un punto crítico para as empresas. A esta necesidade trata de dar resposta SMARTGECKO, unha solución que combina recursos punteiros baseados na intelixencia artificial para avanzar cara a un modelo de almacén 4.0 que permitan acompañar ao crecemento do e-commerce.

O proxecto, que acaba de ser presentado nunha xornada en Tecnópole, é froito do traballo conxunto liderado por Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño, xunto a Amodo Soluciones (empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia) e SIMER-Grumerosa. É un dos desenvolvementos seleccionados no Programa Conecta Hubs da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), dirixido a promover accións colaborativas entre empresas nas áreas de especialización dos hubs de innovación dixital estratéxicos para a comunidade.

SMARTGECKO permite sacar o máximo rendemento á capacidade loxística como factor crucial para dar resposta ao crecemento das operacións comerciais, sen acometer novos investimentos en espazo de almacén. Para iso, o software optimiza o sistema de xestión de almacén (SGA) ao longo de toda a cadea de tarefas que implica a xestión de ordes de pedido e o proceso de picking. Desde que se recibe un pedido, sexa por venda na canle dixital ou pola canle física, SMARTGECKO, administra á perfección os recursos loxísticos da empresa, eliminando ineficiencias.

Evitar movementos innecesarios de mercadorías

O novo software integra un sistema de escaneo de mercadoría á súa chegada ao almacén que permite a súa distribución desde o primeiro momento á canle de saída: stock, pedidos de canle física ou canle online. Desta forma, evítanse movementos innecesarios de produtos no almacén, e conséguese o aproveitamento máximo da superficie loxística e do tempo do persoal encargado destas operacións, coa consecuente mellora nos custos.

En canto ás mercadorías en stock, SMARTGECKO permite a localización e xestión de artigos dentro dun modelo de “almacén caótico”. Trátase dun modelo no que a organización das localizacións non se realiza de forma ordenada, é dicir, non hai espazos designados especificamente para almacenar un tipo de mercadoría concreto ou outro, senón que se van situando as mercadorías nos espazos que haxa libres nese intre. “O noso sistema permite coñecer a localización exacta de cada artigo e, unha vez recibidos os pedidos a xestionar, deseña automaticamente un percorrido ordenado de picking para a preparación dos mesmos, aforrando desprazamentos e tempo", detalla Anatolii Berelet, líder do proxecto.

Liberar as mans

A terceira grande innovación que ofrece SMARTGECKO busca liberar as mans das persoas asignadas ao picking, descargándoas das tarefas de rexistro que poden automatizarse, e logrando unha maior precisión e axilidade na recollida de produtos, con menor esforzo, maior ergonomía e liberdade de movementos.

“A solución proposta aproveita as posibilidades tecnolóxicas que ofrecen as smart glasses”, explica Óscar Seara, xerente de Amodo Soluciones. As lentes virtuais mostran ao operario de almacén o pedido ou pedidos a preparar, o seguinte artigo a recoller e a súa localización; e unha vez no punto de recollida, sinalan o elemento que han de seleccionar e escanean o código de barras para rexistrar a súa incorporación ao pedido e a baixa do artigo no stock.

No seu conxunto, SMARTGECKO permite aproveitar mellor o espazo loxístico, aforrar en custos de desprazamento polo almacén, mellorar a precisión no proceso de picking, automatizar tarefas de rexistro e minimizar erros, facilitando en toda a cadea o traballo do persoal de almacén coa tecnoloxía 4.0 como aliada. “Con este sistema, a produtividade das operacións de loxística en almacén pode incrementarse un 30%, segundo as nosas experiencias piloto”, conclúe o CMO de Galvintec - Grupo Alvariño.

Fonte: Tecnópole