O sistema de prevención de morte súbita do lactante dunha alumna de Aulas Tecnópole viaxará á feira científica de Euskadi

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A alumna de Aulas Tecnópole Iria Ollero continúa a súa traxectoria de premios. A pasada fin de semana o seu proxecto "Baby safety", que xa fora recoñecido na Exporecerca catalá, logrou o primeiro premio na feira Open Science de Cambre (A Coruña) na categoría de Bacharelato. Isto permitiralle levar o seu innovador dispositivo á ZienziaAtzoca, que se celebra en Euskadi.

O "Baby safety" foi concibido nas Aulas Tecnópole, a iniciativa de capacitación en habilidades innovadoras que o Parque Tecnolóxico de Galicia desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. Trátase dun sofisticado dispositivo para a prevención da morte súbita do lactante.

A partir dos parámetros indicados polos pediatras, Iria deseñou catro dispositivos que permiten controlar os factores de maior risco. Dous deles monitorizan a posición do bebé no berce mediante uns sensores de presión e unha cámara de IR, outro controla de xeito simultáneo a temperatura do cuarto e do bebé e un cuarto sistema consiste nun body que mide as pulsacións do lactante mentres dorme. Cando algún dos sensores rexistra unha situación de risco, actívase unha alarma sonora que avisa os pais de xeito inmediato.

Ademais do premio na Exporecerca, Iria logrou o segundo premio do certame estatal Novos investigadores, celebrado a principios deste ano en Málaga, cun estudo sobre a calidade da pisada dos adolescentes. Ligada dende hai catro anos ás Aulas Tecnópole, en cursos anteriores lograra xa varios recoñecementos.

(Fonte: Tecnópole)