Seis solucións innovadoras para acabar coa fame

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A innovación agrícola pode xogar un papel fundamental na creación dun mundo sen fame. A organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) transmitiu, recentemente, esta mensaxe aos participantes do recente Cumio Mundial de Innovación Alimentaria.

"A innovación agrícola é un elemento clave que pode transformar radicalmente os sistemas alimentarios, proporcionar oportunidades de negocio relacionadas coa agricultura, empregos para os mozos e as mulleres rurais e impulsar o crecemento económico nacional", manifestou a directora xeral adxunta da FAO para o Clima e os Recursos Naturais, María Helena Semedo.

Semedo tamén destacou a necesidade de pasar a sistemas alimentarios agrícolas máis sustentables cambiando a forma na que cultivamos, compartimos, preparamos e consumimos os nosos alimentos. Nese sentido, solicitou aos gobernos que establezan normas e estándares para promover alimentos saudables e nutritivos.

"O mundo necesita un pacto mundial contra a obesidade que teña en conta os alimentos tradicionais e locais. Adoptar estándares globais de dieta saudable tamén frearía a proliferación de dietas pobres que se filtraron nos nosos estilos de vida modernos", asegurou Semedo.

"Realmente percorremos un longo camiño. Pero, en certo sentido, o noso propio progreso parece ser a nosa propia desgraza: aprendemos como cultivar alimentos, pero a abundancia do que hai nas nosas mesas estanos a matar lentamente. As dietas pouco saudables son a principal causa de enfermidade, discapacidade e morte no mundo", agregou.

Semedo, por último, gabou o importante papel dos agricultores familiares que, aínda que a miúdo son pobres e padecen inseguridade alimentaria, producen máis do 80% dos alimentos do mundo e administran as tres cuartas partes dos recursos naturais do planeta. A FAO lanzará a Década da Agricultura Familiar da ONU a finais de maio.

Seis propostas

Durante a citada quinta edición do Cumio Mundial de Innovación Alimentaria, que reuniu a máis de 350 empresas e organizacións, a FAO presentou varias das solucións innovadoras para a agricultura que desenvolveu e implementou con éxito en distintas rexións.

• Unha aplicación móbil que axuda aos agricultores a identificar, monitorear e xestionar o verme cogollero, unha praga desvastadora que se alimenta dos cultivos. A aplicación, que actualmente usan os agricultores en África subsahariana e algunhas zonas de Asia, non necesita internet nin rede móbil e «fala» 14 idiomas.

• A técnica do insecto estéril, unha tecnoloxía nuclear que evita que as pragas de insectos se reproduzan. A técnica utilizouse por primeira vez para erradicar a mosca da froita mediterránea invasora na República Dominicana, evitando importantes perdas potenciais de alimentos. A FAO e os seus socios están a considerar ampliar o seu uso contra outras pragas, como as trazas que destrúen a produción de cítricos, uvas e cana de azucre, e os mosquitos que transmiten enfermidades.

• Tecnoloxía «blockchain» utilizada na cadea de subministración do café. O «blockchain» conecta a todas as partes interesadas na cadea de subministración do café, dende o agricultor ata o consumidor, asegurando unha transparencia total e mellorando a xustiza dentro da cadea de valor. En Etiopía, por exemplo, uns 400 pequenos agricultores participan no programa FairChain. Ao aplicar a tecnoloxía «blockchain», o 45% do valor de cada cunca de café FairChain permanece en Etiopía, aproximadamente catro veces máis que se as multinacionais se ocupasen da súa distribución.

• Hidroponía de baixa tecnoloxía que permite o cultivo de plantas en ambientes áridos. Esta técnica de cultivo sen chan emprega ata un 90% menos de auga e un 75% menos de espazo. Os pastores vulnerables e as súas cooperativas en Cisjordania e a Franxa de Gaza usan hidroponía para cultivar forraxes que, mesturados con suplementos de concentrado seco, reducen o custo de alimentar aos seus animais en aproximadamente un 30%.

• Drons que contribúen á produción de cultivos, a avaliación dos danos causados por desastres naturais (para que os esforzos de socorro sexan máis rápidos e máis específicos), a detección de pesca ilegal e o apoio á conservación de fauna silvestre.

• Moda Azul: aproveitar as algas e a pel de peixe para convertelos en roupa e accesorios. Pola contra, descartaríanse como escouras ou venderíanse a baixo prezo. A dita iniciativa está a xerar empregos e ingresos para as comunidades dalgunhas das zonas máis pobres de Kenya, como Turkana.

(Fonte: ABC)