Seis pobos de Ourense obteñen auga quente con enerxía solar grazas a unha empresa de Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

En pleno debate sobre a implantación das enerxías limpas para reducir a dependencia dos combustibles fósiles, varios pobos da provincia decidiron poñer en marcha as súas propias experiencias para a obtención de calor e o seu aproveitamento doméstico prescindindo da dependencia do petróleo.
 
As comunidades de montes das localidades de Dadín, Filgueira, Menaz, Cardedo, Orosa e Casares -todas elas situadas no Concello do Irixo- chegaron a un acordo coa empresa Gaélica Solar, implantada no Parque Tecnolóxico de Galicia, para que a subministración de auga quente nos seus propios domicilios proveña da enerxía solar.
 
O proxecto tardou varios meses en xerarse e nunha primeira fase implantouse xa en doce vivendas de Dadín, aínda que nas próximas semanas o plan se ampliará ás outras localidades, segundo as previsións que adianta a compañía.
 
A empresa instalou os equipos solares térmicos e cada un deles consta de dous paneis, un acumulador de 300 litros con grupo hidráulico e controlador, instalacións necesarias para poñer en marcha o sistema.
Grazas a estes equipos as vivendas obteñen auga quente sanitaria a un custo infinitamente menor do que tiñan que soportar ata hai uns meses.
 
Dependencia
 
"Na miña casa, por exemplo, xa estou a aforrar moito e o bo deste sistema é que che permite non ter que depender tanto do gasóleo, o butano ou a electricidade", di Edita Payo, presidenta da comunidade de montes de Dadín, que optou xa por esta fonte de enerxía.
 
Ela foi a impulsora do proxecto e a encargada de negociar as condicións coa empresa Gaélica Solar, cuxo xerente, Manuel Eirín, destaca que a comunidade de montes e a súa presidenta "son un exemplo de impulso para o rural" polo ben que xestionan os recursos dos que dispoñen".
 
A obtención de diñeiro procedente das expropiacións do AVE permitiu aos comuneiros investir en comodidades das que se puidesen beneficiar todos. Dende entón ata hoxe pasaron por varios procedementos administrativos -desenvolvemento dos proxectos, obtención da licenza municipal, entre outros-, todos eles resoltos xa.
 
Eirín sinala que "agora teñen auga quente gratis entre oito e dez meses ao ano e mesmo poden conectala á lavalouza, co que o aparato xa non ten que gastar electricidade para quentar a auga". A empresa sinala que levaron ás vivendas de Dadín "a última tecnoloxía que en Europa se está a aplicar para aproveitamento de enerxía solar térmica".
 
Días de sol
 
Os veciños de Dadín que montaron estes sistemas poden ter nos seus domicilios auga a 62 graos, aínda que depende das condicións meteorolóxicas. Edita Payo recoñece que a temperatura se alcanza con certa facilidade en xornadas soleadas pero cando o día está anubrado "é necesario sobrealimentar o sistema con outras fontes de enerxía, pero non é o mesmo que teñamos que gañar dez ou quince graos que a auga estea fría como o xeo".
 
A esta iniciativa poderían sumarse a medio prazo outros pobos da zona. De feito, o xerente de Gaélica Solar está participando noutros proxectos de enerxías renovables.
 
(Fonte: La Voz de Galicia)