O sector biotecnolóxico deseña xa a estratexia de Galicia para 2021-25

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O sector biotecnolóxico de Galicia ponse mans á obra. Nos vindeiros meses deseñará a folla de ruta que definirá a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía de Galicia 2021-2025, e que estará xa lista este outono e aplicarase desde o próximo 1 de xaneiro.

Destacouno nun webinar Carme Pampín, presidenta de Bioga, que é o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, xunto ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, e Patricia Argerey, directora de GAIN, que serviu como pistoletazo de saída para elaborar a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía de Galicia 2021-2025.

Co vindeiro lustro en perspectiva, Conde realizou un percorrido sobre a Estratexia de Impulso da Biotecnoloxía 2016-2020, á que debe dar continuidade. Este agradeceu ao sector o seu compromiso con Galicia e recoñeceu o seu esforzo por achegar solucións aos novos retos derivados da crise da covid-19.

Pampín asegurou que a estratexia para os próximos cinco anos “será un proceso aberto á participación de todo o ecosistema biotecnolóxico da comunidade” co que se pretende “identificar as áreas de actuación e as accións prioritarias”. “Queremos que sexa o máis representativa posible; queremos contar coa implicación dos verdadeiros protagonistas do sector, cos máis de 100 axentes públicos e privados que o integran”, manifestou a líder de Bioga.

A opinión do sector será a base para definir a folla de ruta da estratexia. “Vós seredes os actores clave que nos indiquedes a dirección a seguir”, apuntou dirixíndose aos asistentes á conferencia en liña e ante o conselleiro e a responsable de GAIN, a quen agradeceu persoalmente “o compromiso e apoio constante da Xunta e a Axencia Galega de Innovación” cara ao sector biotecnolóxico.

Proceso aberto

Bioga busca que participe todo o sector no deseño da nova estratexia, e Pampín detallou que o fará activando “unha enquisa aberta a todo o ecosistema e axentes biotecnolóxicos; será a base sobre a que empezaremos a desenvolver o resto de etapas: entrevistas a axentes de relevancia, talleres en cada liña de acción e documento estratéxico final”. Incluirase unha consideración para identificar solucións biotech en casos de emerxencia sanitaria, como a que se vive a causa do coronavirus.

Cifras

O sector biotecnolóxico de Galicia factura ao ano uns 400 millóns de euros e está integrado por 100 pequenas, medianas e grandes compañías biotecnolóxicas, 9 centros tecnolóxicos, tres fundacións biomédicas e outras tantas universidades (USC, UDC e Uvigo) e o Parque Tecnolóxico de Galicia, situado en Ourense.

O seu volume de negocio medrou a un ritmo do 10 % anual na última década e supera os 3.700 empregos no ámbito público e privado. Galicia, segundo o último informe da Asociación Española de Bioempresas (Asebio), é un dos principais focos de xeración de iniciativas empresariais e compañías biotecnolóxicas baseadas no coñecemento e a innovación en España. É a terceira comunidade máis bioemprendedora. “Os nosos investigadores gozan dun enorme talento, os nosos centros de investigación destacan en todo o mundo pola súa calidade científica e todo o ecosistema medra a un ritmo constante e xera emprego de calidade”, sinalou Carme Pampín.

Tras a intervención da presidenta de Bioga e do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, a cluster manager do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Loli Pereiro, foi a encargada de abordar os aspectos técnicos, as Claves da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía para o próximos cinco anos. O titular de Economía e a presidenta de Bioga agradeceron a implicación do sector no últimos cinco anos para lograr os obxectivos da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía e solicitaron de novo o compromiso de todos os axentes, do ámbito privado e público, para conseguir as metas da nova estratexia, que estará lista no vindeiro outono e entrará en escena en xaneiro de 2021.

Fonte: El Correo Gallego