A seca de crédito lastra tamén o investimento empresarial en I+D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Fundación Cotec reclama á banca que conceda máis empréstitos ás empresas innovadoras para evitar que todo o peso recaia na Administración. O gasto en I+D caeu un 1,7% en 2010, segundo o avance feito público polo INE. Trátase do segundo ano consecutivo de descenso dende 1994, provocado polo menor gasto público e a restrición de crédito ás pemes.
 
A crise freou en seco a evolución ascendente do gasto en I+D en España. Dende 1994, ese indicador crecera anualmente a unha taxa media do 10% ata 2009, exercicio no que caeu por primeira vez (un 2,4% en taxa anual) como consecuencia do recorte de gasto empresarial. Ese retroceso tamén se produciu en 2010, cunha caída do 1,7%, e nel, ademais do menor gasto das empresas, tivo un peso específico o recorte do gasto público, como consecuencia dos axustes presupostarios para cumprir co recorte de déficit imposto por Bruxelas
 
Neste contexto, o presidente da Fundación Cotec, José Ángel Sánchez Asiaín, instou a banca a abrir a billa do crédito ás empresas innovadoras, en especial ás máis pequenas, para acelerar a participación do capital privado no sistema español de I+D+i, cuxo investimento, ao seu xuízo, debería duplicarse a curto prazo. "É unha realidade que existe unha ampla variedade de proxectos de innovación que non atopan financiamento porque non hai modalidades adaptadas a eles. Un camiño para iso será idear fórmulas que rebaixen o risco financeiro e sobre todo que faciliten a súa avaliación, porque non todos os proxectos teñen o mesmo nivel de risco", reclamou no seu discurso durante a presentación do "Informe Cotec 2011".
 
Ante unha audiencia de 400 empresarios, Sánchez Asiaín instou tamén á ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, a poñer en marcha políticas directas de fomento á innovación para as pemes. "Estas empresas son as que xeran o 60% do PIB e o 80% do emprego en España e son as que sofren especialmente as consecuencias dos fallos do mercado" sinalou o presidente de Cotec quen expuxo, a xeito de exemplos, a compra pública innovadora, a incorporación de máis investigadores ou facilitar o servizo a accesos tecnolóxicos como mecanismos que se poderían habilitar dende o Executivo para mellorar a súa incorporación ao sistema.
 
O informe mostra as diferentes estratexias adoptadas polas empresas para afrontar a crise en función do seu tamaño. Todas as compañías recortaron os presupostos destinados a I+D, aínda que a maior rebaixa corresponde ás empresas de entre 10 e 49 traballadores. En 2009, último dato dispoñible, a caída de gasto elevouse ao 16,2% e o número de empresas innovadoras caeu un 17% ata as 6500 (máis do 50% do total). Mulet augura que esa tendencia se mantivo en 2010 na medida na que persistiron o menor acceso ao crédito e en que os fondos públicos se concederon a través de créditos e non de subvencións, unha vía pouco utilizada polas empresas máis pequenas polas dificultades para devolvelas polas tensións de tesourería que viven.
 
No outro lado sitúanse as empresas con máis de 250 traballadores que tamén rebaixaron o gasto en I+D, pero que centraron todo o recorte no capítulo de capital, mentres que o gasto corrente (o destinado ao pagamento de nóminas e da actividade diaria dos seus traballadores) apenas se tocou. Deste modo, o emprego nas 1150 compañías de máis de 250 traballadores que innovan en España non só non baixou, senón que creceu.
 
Sistema educativo e excesiva regulación, principais trabas
 
"A innovación estivo lonxe das aulas, lonxe do lexislador, do administrador público e en xeral lonxe da nosa sociedade. Case poderiamos dicir que foi ignorada". Con esta frase, o presidente da Fundación Cotec quixo destacar a "pobreza" da cultura emprendedora no noso país, fundamentada, na súa opinión, nun sistema educativo despegado do mercado laboral e por un sistema legal cheo de trabas. "O abandono escolar continúa sendo un dos maiores da UE e a porcentaxe de estudantes que opta pola FP segue sendo manifestamente insuficiente", reclamou Asiaín, quen tamén criticou a irrupción de políticas e regulacións precipitadas. "As decisións en campos tan sensibles como o laboral, o ambiental, a defensa da competencia ou a protección ao consumidor remataron por converterse en auténticas barreiras á innovación", dixo.
 
O gasto, paralizado "ata que se recupere a demanda"
 
Os dous anos consecutivos nos que o gasto en I+D caeu non van ser os últimos da serie histórica. Así o augurou onte o director xeral da Fundación Cotec, Juan Mulet, quen apuntou onte "que será moi difícil contemplar un aumento de gasto este ano se o crecemento económico non se recupera con forza, xa que gran parte dos fondos proceden da Administración Central e das comunidades autónomas". Esa recuperación, polo tanto, non se contempla a curto prazo ante os fortes axustes que teñen que acometer ambas as dúas administracións para reducir o déficit público.
 
No informe Cotec 2011 inclúese unha enquisa cun panel de expertos na que se establecen como os dous principais obstáculos para o financiamento do sistema o feito de que a demanda nacional non exerza de elemento tractor á innovación e a falta de financiamento a esas actividades.
 
(Fonte: Cinco Días)