Santiago de Compostela será a capital europea da biotecnoloxía en 2014

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, organizarán a sétima edición de BioSpain, que terá lugar entre o 24 e o 26 de setembro de 2014 en Santiago de Compostela.

Este evento converteuse no foro de referencia da biotecnoloxía europea e na plataforma de presentación da biotecnoloxía española dende o punto de vista internacional, xa que a anterior edición, pasou a converterse no quinto evento de partnering mundial por reunións de negocio, con 2775 rexistradas en 2012.

A celebración de BioSpain 2014 en Santiago de Compostela contribuirá ao pulo e visibilidade da biotecnoloxía galega e da de todo o noroeste peninsular en xeral. A candidatura presentada por esta Comunidade Autónoma está representada polas Consellerías de Sanidade, de Economía e Industria, de Medio Rural e Mariño e de Traballo e Benestar, e conta co apoio das tres universidades galegas, co sector empresarial do ámbito da biotecnoloxía (a través do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Bioga) e do ámbito da saúde e a Sanidade (a través do Clúster Saúde de Galicia) e co Concello de Santiago de Compostela.

O evento bienal BioSpain 2014 celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, situado ao final do Camiño de Santiago. Ten unha superficie construída de 15.000 metros cadrados e conta cun auditorio, salas de reunións, salas VIP e de prensa, zonas para exposicións, restaurante, cafetería, varias zonas de aparcamento e acceso para persoas con discapacidade, instalacións que reúnen as condicións necesarias para celebrar un evento das características de BioSpain.

BioSpain estrutúrase nunha feira comercial, un evento de partnering, un foro de investidores, sesións plenarias e conferencias de temática diversa (sesións paralelas) con relatores nacionais e internacionais e un foro de emprego e formación.

A presidenta de ASEBIO, Regina Revilla, asegura que "Galicia está a demostrar un importante apoio á sociedade do coñecemento, á innovación sanitaria, e ao sector empresarial emprendedor, e por iso pensamos que é o marco máis adecuado para a celebración de BioSpain 2014. Conta cun ámbito sanitario de excelencia, considera a biotecnoloxía como liña estratéxica de crecemento e conta cun tecido empresarial conectado profundamente coas ciencias da vida".

Neste sentido, a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, Sonia Martínez Arca, sinala que "Galicia ten un enorme potencial no ámbito da I+D+i biosanitaria, cunha importante capacidade de mobilización de recursos e de xeración de resultados con potencial de transferencia ao mercado. A celebración de Biospain en SC converte a Galicia nun referente nacional e internacional neste destacado sector da economía produtiva".

Resultados

Á sexta edición de BioSpain, que se celebrou en Bilbao en 2012, asistiron 1850 profesionais, tanto nacionais como estranxeiros, un 32% máis que na edición do 2010. A área de exposición comercial, cuxa superficie se incrementou un 50%, contou cun 29% máis de expositores que en 2010, alcanzando os 217 stands. O 78% correspondía a empresas nacionais e o 22% restante a internacionais.

En total, tiveron presenza 762 empresas, das que 210 procedían do exterior (28% do total). Do mesmo modo, aumentou ata un 65,5% o número de empresas internacionais que participaron na exposición comercial (en total 48). Das 210 empresas internacionais destacaron as de Reino Unido (6%), Francia (4%), Alemaña (2%), Estados Unidos (2%), Bélxica (2%), Suíza (2%), Holanda (1%), Portugal (1%), Italia (1%) e México (1%).

Segundo os resultados da enquisa de satisfacción realizada pola organización, o 77% dos asistentes a BioSpain 2012 asegurou identificar oportunidades reais de negocio na feira.

En canto á valoración xeral do evento, un 93% valorouno positivamente e un 88% indicou que se cumpriron as súas expectativas, sendo as posibilidades de networking que ofrece BioSpain o apartado máis valorado desta pasada edición.

(Fonte: Biospain)