A sanidade tira da intelixencia artificial para optimizar procesos e mellorar a vida dos pacientes

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

As posibilidades da intelixencia artificial son moitas e iso é algo que non se lles escapa aos profesionais sanitarios, nin tampouco a investigadores como os do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius) da USC. Os seus proxectos relacionados coa área da saúde non son poucos e para exemplo SmartCardia, unha plataforma que facilita a rehabilitación cardíaca despois dun infarto e que acaba de ser validada por un equipo do CHUS.

«A plataforma recolle os datos e grazas a un sistema intelixente permite que ou proceso de rehabilitación se execute de forma axeitada», explica Manuel Lama, doutor adscrito ao Citius e un dos investigadores detrás do proxecto. Unha vez recollida toda a información do paciente, SmartCardia pode controlar a evolución do mesmo en base a centos de variables distintas (tensión, diabetes, sobrepeso...).

Coñecido o comportamento de cada un, a plataforma pode predicir o grao de beneficio de cada paciente coa rehabilitación. Ademais, o proxecto prevé incorporar pequenos xogos para motivar aos usuarios a que sigan as pautas marcadas polos seus médicos e tamén incluirá módulos de xestión intelixente ou automatización de informes.

«A vocación é que teña servizo social e que sirva para mellorar a vida dos pacientes e dos profesionais sanitarios», engade Lama sobre unha plataforma que, máis adiante, podería valerse doutras ramas da intelixencia artificial, como a minería de procesos, para identificar que pacientes poden necesitar máis atención e optimizar así os recursos dispoñibles. O proxecto é o resultado dun consorcio liderado pola empresa Balidea, interesada en levar ao mercado a plataforma.

Máis proxectos

Ademais de SmartCardia, o Citius participa noutros proxectos sanitarios xunto a outros centros, como un para detectar positivos de covid ou pneumonías bacterianas a partir de radiografías de tórax. Tamén desenvolveu programas como Caléndula, unha aplicación para móbiles coa que xestionar a toma de medicamentos. Neste momento, a app está a rematar a súa fase de implantación no Sergas e estímase que podería ter máis de 270.000 usuarios. O servizo inclúe seguimento de pacientes por familiares, así como xeolocalización de farmacias e alertas de posibles efectos secundarios.

Fonte: La Voz de Galicia