Roberto Verino reorganiza a súa estrutura e acelera para regresar en 2021 ao volume pre-Covid (Tecnópole)

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Roberto Verino deixa atrás a Covid-19 e prepara a súa estrutura para o futuro. A firma galega, unha das máis representativas do deseño de autor de España, remata 2021 completando unha reorganización que comezou en 2019 coa creación dunha dirección dividida en dúas: Dora Casal, directora executiva, e Cristina Mariño (filla do fundador), directora de marca. A empresa, que en 2020 perdeu a barreira dos 30 millóns de euros polo impacto da Covid-19, prevé recuperar en 2021 a facturación de 2019 e regresar a números negros.

“Hai dous anos comezamos a preparar a estrutura para os vindeiros corenta anos -explica Casal, que se incorporou á empresa en 2019 procedente de Adolfo Domínguez-; a Covid-19 parounos, polo que foron tres anos de proceso”. A empresa, cuxa área creativa segue liderada por Roberto Mariño (fundador e propietario da firma), centrouse na súa estrutura organizativa.

Tras este proceso, Roberto Verino está dirixido polo tándem Mariño-Casal, que se reparten as funcións executivas: mentres a primeira está á fronte da marca, a segunda lidera oito direccións de área (internacional, dixital, recursos humanos, loxística, e-commerce ou mercadotecnia) e o comité executivo.

O proceso de reorganización está a ir acompañado dunha progresiva recuperación do negocio. “A caída en 2020 foi en liña co sector, pero en 2021 estamos a recuperar posicións para achegarnos a 2019, aínda que está a ser máis complicado do que previamos”, explica Casal, que cita á quinta onda e á falta de turismo como factores que xogaron en contra das vendas de moda.

As previsións de Roberto Verino para 2021, exercicio que pechará en marzo de 2022, pasan por regresar ás cifras de 2019. Deste xeito, a empresa recuperará os 34 millóns de euros de facturación e regresará a números negros, tras entrar en perdas no exercicio da Covid-19.

As previsións da empresa contemplan tres aperturas internacionais e tres nacionais nos vindeiros meses

Pese á freada provocada pola pandemia, a empresa mantivo o seu plan de desenvolvemento con tendas propias e alianzas con terceiros. En 2020, en plena crise, a compañía puxo en marcha catro novos establecementos (en México, Portugal e España), até sumar 170 puntos de venda en novembro pasado.

A firma, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), xa conta actualmente con 175 establecementos e as previsións para os vindeiros meses pasan por sumar tres puntos de venda máis internacionais e tres en territorio español. O 20% da rede de distribución da marca atópase no estranxeiro.

O plan de desenvolvemento mediante puntos de venda forma parte do plan estratéxico da empresa para o período 2020-2023. “O obxectivo non é abrir moitos establecementos, senón seguir o noso ritmo”, di Casal, que explica que outros dos eixos do plan son a internacionalización (a marca está hoxe en sete países de forma física e vinte online), a sustentabilidade (“poñendo en valor algo que hai anos que facemos”, sinala a directiva) e a dixitalización, coa mirada posta en que o 20% das vendas da empresa procedan da canle online en 2023.

Fonte: Moda.es