Refugallos de limón, granada e brócoli para fabricar pezas de coches con impresión 3D

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Investigadores da Universidade de Alacante, en colaboración cunha decena de socios europeos, desenvolveron a partir de refugallos agrícolas de limón, granada, brócoli e cáscara de améndoa compostos naturais de alto valor engadido para a industria da automoción ou a construción.

En concreto, extraeron substancias sostibles e innovadoras con propiedades avanzadas como efecto antimicrobiano, liberación de fragrancia, e novos colores e efectos ópticos, destacan desde a Universidade de Alacante.

“Unha vez extraídos os compostos naturais dos restos de limón, granada, brócoli e améndoa, introducíronse en bobinas de filamentos para a impresión 3D de tiradores de portas e cadros de mandos con características melloradas e propiedades estéticas específicas”, explica a doutora en Ciencias Químicas e coordinadora do equipo de traballo da UA, Mª Carmen Garrigós.

“Estas substancias presentan unha revolución para sectores como o de aluguer de coches, xa que se poden implementar en pezas expostas a contaminación por microbios como manetas e cadros de mandos”, apunta a investigadora da UA.

Ademais, engade Garrigós, "desde un enfoque de economía circular, deseñáronse pezas máis sostibles que contribúen a diminuír as grandes cantidades de refugallos agrícolas que se xeran cada día”. Os residuos seleccionados polos investigadores para o desenvolvemento destes extractos estiveron determinados polas súas propiedades naturais. Os colorantes do limón, o brócoli e a granada permitiron obter gamas de colores distintas ás sintéticas.

“En particular, coa granada comprobamos que modificando o pH pódese obter unha ampla gama de tonalidades”, explica Garrigós. O aceite esencial do limón achega propiedades antimicrobianas e desprende un olor, característica de interese para algunhas industrias. Pola súa parte, a cáscara de améndoa proporciona un aspecto similar á madeira e propiedades de reforzo natural, é dicir, mellora as propiedades mecánicas do material.

Proxecto europeo Barbara

O método de extracción e funcionalización das substancias naturais foi desenvolvido polo Grupo de investigación de Análises de Polímeros e Nanomateriais (Nanobiopol) e o Grupo de Visión e Color da UA no marco do proxecto europeo Barbara. Outros socios do proxecto traballaron con residuos de amidón procedentes do millo para obter materiais de construción máis resistentes e reforzados.

O equipo da Universidade de Alacante é tamén o responsable da diseminación e difusión das distintas fases do proxecto que arrancou en 2017 e finalizará o próximo mes de abril de 2020.

O proxecto Barbara, que xa se encontra na súa fase final de verificación e validación das pezas obtidas, conta cun amplo equipo de dez socios de España, Italia, Suecia e Bélxica que abarcan todos os sectores relacionados co proxecto.

En concreto, coordinado polo Centro Tecnolóxico Aitiip e monitorizado pola Universidade Italiana Di Perugia, forman parte deste consorcio europeo con Fecoam e Cargill como provedores de residuos alimentarios; Celabor, KTH e a Universidade de Alacante, entidades responsables dos procesos químicos de extracción das moléculas funcionais e polisacáridos; Nurel e Tecnopackaging para o desenvolvemento de bobinas para impresoras; Aitiip para a impresión 3D e fabricación de prototipos, e por último, como usuarios finais e responsables da validación das pezas, FIAT e Acciona.

Cun presuposto de 2,7 millóns de euros, Barbara enmárcase dentro do Programa Marco de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Unión Europea.

(Fonte: La Razón)