Unha das referentes do programa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino de Tecnópole asinou co Nobel de Química

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Hai un par de semanas que Marta Otero Leal, física do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, con sede en Ourense, engrosou o seu currículo cun mérito de hai 13 anos. Esta científica, que participou recentemente como referente no programa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino de Tecnópole, asinou en 2006 un artigo con John B. Goodenough, o estadounidense ao que a Real Academia de Ciencias de Suecia concedeu a principios de outubro o Nobel de Química como un dos pais da batería de ións de litio.

"Para min é toda unha honra asinar con el, porque ademais eu estaba a empezar a miña carreira cando realicei o artigo científico. Eu sempre dicía que algún día el sería o Nobel de Química polas baterías de litio. E mira, déronllo agora con 97 anos", conta a física. De feito, Goodenough, nacido en 1922, convértese na persoa máis lonxeva que recibe un destes soados galardóns.

Marta Otero Leal estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela. "Cando rematei a carreira quería saber o que se fai en investigación, así que empecei a tese, que me dirixiu Pepe Rivas. Francisco Rivadulla era a persoa que me coordinaba o traballo e nese momento el acaba de vir de Austin dunha estancia. Eu acabei facendo mostras no laboratorio que deron lugar a ese artigo científico, eran as mostras para a miña tese e el levoulle os resultados a Goodenough a Estados Unidos. O artigo tiñámolo medio redactado e Rivadulla ensinoulle os resultados e a el xa lle soaban algunhas cousas. Polo tanto, el foi o que nos abriu a liña de por onde estabamos a traballar e o seu coñecemento foi o que deu lugar a que o artigo estea nunha das revistas de maior impacto na área", explica. O artigo está publicado na "Physical Review Letters", da American Physical Society.

O artigo científico "analiza propiedades físicas para aplicalas á industria", sinala Marta Otero Leal. Precisamente o seu traballo no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia está relacionado coa industria. Integrado na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, apoia as empresas en actividades relacionadas coas medicións e calibracións, instrumentos que unha industria necesita nos seus procesos produtivos para asegurar a súa calidade. Esta física intégrase na área de Temperatura e Humidade Relativa do laboratorio.

Mulleres na ciencia

"É un centro moi descoñecido. E hai todo tipo de empresas que necesitan deste servizo, dende farmacéuticas, automoción, alimentación...", reivindica Otero Leal. Outra reivindicación é a do valor dos artigos científicos. "A sociedade non recoñece tanto un artigo deste tipo". Admite que dende as universidades e os centros de coñecemento "se podería facer bastante máis divulgación". E unha última reivindicación: máis mulleres na ciencia. "Eu diríalles a esas nenas que lles gusta, que sigan. A min gustábanme as matemáticas de pequena, pero Mondoñedo non era unha gran cidade na que houbese vocación científica. Nos últimos cursos empezou a gustarme a física e seguín adiante. Hai que abrir a mente aos mozos".

(Fonte: La Región)