A Rede Mentoring preséntase ás empresas da Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

BIC Galicia presenta este xoves 23 de xuño ás empresas de Tecnópole a Rede Mentoring, unha plataforma concibida para fomentar e facilitar a actividade emprendedora, xerar emprego e crecemento económico en Galicia.
 
Os interesados en asistir á presentación, que terá lugar no edificio CEI ás 13 horas, poden inscribirse en btejada@tecnopole.es.
 
Esta rede de mentores é un instrumento de apoio á consolidación e o crecemento das empresas galegas. O obxectivo da rede é a transferencia de coñecementos entre expertos do mundo da empresa, persoas cunha ampla traxectoria profesional e empresas que queiran crecer, ampliar mercados ou mellorar a eficacia nos seus procesos.
 
A participación nesta rede pode facerse dende dous puntos de vista o das empresas e o dos mentores. As empresas buscan unha opinión externa, experta e confidencial, mentres os mentores achegan experiencia e coñecementos en dirección e xestión operativa.
 
A empresa mentorizada recibe experiencia e consellos prácticos en habilidades, técnicas directivas, organización e funcionamento das empresas, coñecementos que reforzarán e consolidarán as devanditas empresas. As empresas participantes recibirán o asesoramento dos mentores de xeito totalmente gratuíto.
 
Os mentores forman parte dunha rede de persoas involucradas en dar apoio a outras empresas contribuíndo, desta maneira, ao desenvolvemento do tecido empresarial galego e achegan o seu traballo de xeito totalmente altruísta, sen percibir remuneración económica ningunha.
 
Pode unirse a esta rede calquera empresa galega en fase de crecemento e consolidación cunha necesidade estratéxica concreta, mentres que poderá ser mentor calquera empresario/a con coñecementos e experiencias que considere de utilidade para outros empresarios e con interese en transmitilos.
 
(Fonte: BIC Galicia)