A Real Academia Galega de Ciencias premia ex aequo dúas investigacións aplicadas dos ámbitos vitivinícola e forestal

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) decidiu conceder ex aequo o seu Premio de Investigación 2013 a dous traballos con resultados aplicables aos sectores vitivinícola e forestal. O galardón, dotado con 6000 euros, repartirase entre un equipo científico da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que desenvolveu un sistema automático de identificación de uva en viños brancos galegos e outro do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) que deseñou un método de enxeñería xenética para curar a tinta dos castiñeiros. O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2000 euros, é un traballo sobre funcións matemáticas.

Os premios, que chegan este ano á súa vixésimo segunda edición, serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 18 de decembro na sede da RAGC, en Santiago de Compostela.

Máis rápido, económico e fiable

O primeiro dos traballos galardoados co Premio de Investigación da RAGC ten por autores a Manuel Martín, responsable da Unidade de Resonancia Magnética da USC, e a Ricardo Riguera, científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC.

Os investigadores desenvolveron un procedemento para a identificación automática, en cuestión de minutos, das variedades de uva presentes en viños brancos acollidos ás Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

Tomando unha pequena mostra de viño realízase unha análise química mediante a técnica denominada resonancia magnética nuclear e compárase coa base de datos elaborada tamén no marco deste proxecto, na que se caracterizaron preto dun centenar de viños mono e plurivarietais representativos das variedades maioritarias de uva en Galicia: Albariña, Godello, Treixadura, Pombo e algunhas minoritarias como Loureiro, Doña Blanca e Torrontés.

Os investigadores lograron identificar unha serie de parámetros característicos de cada variedade, de maneira que se poden usar a xeito de "pegada dixital" para comparala con outros viños.

A validez destas "pegadas" para identificar rapidamente a variedade de uva empregada na vinificación no caso dos viños monovarietais ou as variedades combinadas no dos plurivarietais foi testado con 94 viños destas variedades. A pesar da reducida base de datos empregada, o sistema rexistra un nivel de acerto na clasificación igual ou superior ao 95% nos monovarietais e unha porcentaxe similar nos plurivarietais, sempre que a proporción do compoñente minoritario nestes últimos sexa polo menos do 25%.

A utilización de análises químicas para determinar os compoñentes dun viño está xa moi implantada, pero o tipo de técnica que se vén utilizando (principalmente a cromatografía) fai que o proceso sexa lento e custoso, entre outras cousas porque esixe realizar análises separadas de cada compoñente e o viño é unha mestura complexa con multitude deles. A técnica presentada polos investigadores galardoados pola RAGC supón unha alternativa sinxela, rápida e tecnicamente fiable.

Nun territorio como o galego, esta solución é especialmente útil, dada a especial complexidade dos viños dos seus DOP, con multitude de tipos de uva e a existencia de tantos viños plurivarietais (como acontece por exemplo na DOP Ribeiro). Para maior complicación dende o punto de vista da composición, dentro dalgunhas DOP hai varias subzonas (a Rías Baixas acolle viños do Salnés, Ulla, Rosal e Tea, por exemplo), con viños que teñen matices -e en consecuencia unha composición- lixeiramente distintos aínda sendo da mesma denominación.

Os investigadores previron continuar esta liña de traballo para ampliar a base de datos de viños, reducir o limiar mínimo de identificación de variedades por debaixo dese 25%, incorporar novas variedades de uva minoritarias ao seu catálogo e introducir outras técnicas de análise química.

A enfermidade máis grave do castiñeiro

Empatado co anterior, prémiase tamén un traballo que buscou solucións na biotecnoloxía para atallar a enfermidade máis grave que sofren os castiñeiros galegos e da gran maioría de Europa: a tinta, unha infección provocada por un fungo que conduce á morte da árbore.

A proposta de María Elena Corredoira e Ana María Vieitez, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC), é unha alternativa tecnolóxica aos métodos convencionais baseada na enxeñería xenética. O método deseñado por estas dúas científicas busca preservar a pureza da especie europea usando técnicas que se centran na sobreexpresión de xenes específicos da propia árbore capaces de promover a súa resistencia á enfermidade, en lugar de recorrer á hibridación entre especies.

Durante o primeiro terzo do século XX o cruzamento entre o castiñeiro europeo e o asiático era a única opción válida para facer fronte á tinta, que por aquel entón devastaba os bosques de todo o continente. En España, o programa iniciouse baixo a dirección de Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra), pero ao tempo que se diseminaban os híbridos tamén se esparexía a información xenética da variedade asiática, resistente á tinta pero produtora de árbores de menor porte e castañas de peor calidade que as dos castiñeiros europeos. A depuración desta información xenética asiática por medios convencionais (mediante retrocruzamentos) require polo menos 20 anos, polo que as investigadoras premiadas pola RAGC buscaron alternativas tecnolóxicas que permita acurtar os prazos que esixe un programa de mellora convencional para obter castiñeiros resistentes á tinta.

O seu achado baséase na identificación de xenes do propio castiñeiro que teñen actividade antifúnxica. Isto permitiulles deseñar estratexias biotecnolóxicas que consisten na sobreexpresión destes xenes para conseguir castiñeiros resistentes á tinta. A solución consiste, polo tanto, na transformación xenética do castiñeiro utilizando o seu propio material, o que permite preservar as características de calidade superior da variedade europea respecto das híbridas.

Os resultados desta investigación serán de grande importancia para os múltiples países de todo o mundo con poboacións de castiñeiros afectados pola tinta e moi particularmente para Galicia, dado que esta árbore, presente nos seus bosques dende o período Terciario e cun historial de cultivo comezado polos romanos, é unha especie na que están postas moitas expectativas. Galicia produce hoxe máis da metade das castañas españolas (ao redor de 10.000 toneladas ao ano) e, de cara ao futuro, o Plan Forestal de Galicia outórgalle ao castiñeiro o mesmo peso específico en termos de valor económico da produción que o piñeiro, cunha produción de 1,6 millóns de metros cúbicos ao ano en 2032.

(Fonte: RAGC)