¿Que traballos conquistarán antes os robots?

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Innovacións como a robótica, a intelixencia artificial ou o big data transformarán profundamente a economía e a sociedade en poucos anos. Repíteno de maneira unánime profesionais e especialistas de diversa procedencia. Pero poucos estudos resultan tan detallados e concienciudos como o publicado recentemente pola consultora Merrill Lynch, no que se prognostica que en só cinco exercicios este mercado crecerá de 25.500 millóns de euros a 136.600 millóns.

Os catro países que gastan máis cartos nestas tecnoloxías son Estados Unidos, China, Xapón e Corea do Sur. As vantaxes destacan sobre os inconvenientes nos informes sobre esta área. Non obstante, ninguén oculta cuestións como a posibilidade de que periguen o 47% dos empregos en Norteamérica porque os desempeñen mellor as máquinas. A hipotética redución de “traballadores do coñecemento” a escala mundial cífrase en 230 millóns.

A pesar de que ningún mecanismo de intelixencia artificial poderá emular verdadeiramente o pensamento humano ata 2075 (ou máis alá), xa se fala de “robots asasinos”. De momento, a industria aeroespacial e de defensa conta con aparatos que non requiren control persoal, como os drons militares. Hai avións sen tripular en 90 estados; en 30 deles, estes xa están armados. En calquera caso, os máis optimistas replican que estes avances se acabarán aplicando á aviación comercial.

En canto a outros medios de transporte, un de cada dez coches será totalmente autónomo, é dicir, non necesitará condutor, en 2025, grazas á investigación que están levando a cabo compañías tecnolóxicas e da automoción como Google e Tesla. Ademais, no próximo quinquenio, os vehículos serán cada vez máis “intelixentes” porque estarán conectados a internet e disporán de máis funcións informatizadas.

O prezo destes turismos será superior ao actual —arredor de 8500 euros por unidade—, non obstante, co tempo, os analistas de Merril Lynch están seguros de que este importe irá diminuíndo, posto que o fenómeno terase normalizado. As autoridades xaponesas albergan a esperanza de que haxa “taxis robot” nos Xogos Olímpicos de Tokio de 2020.

Brokers e cirurxiáns

A intelixencia artificial tamén permitirá substituír a moitos dos investidores financeiros do presente en 2020. Os técnicos están deseñando sistemas que son capaces de “aprender” dos movementos dos mercados de todo o planeta. Ao seu entender, non hai nada máis fiable que os algoritmos para administrar o capital dos clientes.

A robótica utilizarase nos hospitais do futuro en numerosos ámbitos: do coidado de pacientes discapacitados ou anciáns á cirurxía fundamental. En 2000 apenas houbo mil intervencións cirúrxicas asistidas por robot; en 2014, a cantidade ascendera a 570.000. A progresión non se deterá. Cunha poboación que envellece gradualmente, Xapón é agora mesmo a nación que aposta máis decididamente polos robots que axudan aos maiores acotío.

As tarefas de fabricación nas que se prescinde por completo da participación humana supón hoxe o 10% do total. Os expertos calculan que nunha década a proporción aumentará nun 35%. Na súa opinión, este cambio contribuiría a abaratar os custos de produción. Empresas como a controvertida Foxconn, en China, están seguindo este procedemento con pequenos compoñentes e pezas do iPhone de Apple.

As granxas de 2025 valeranse do big data para optimizar os seus cultivos. Prevese que na agricultura e a gandería se opere con tractores sen condutor, robots que coiden as plantas e os animais, etc. Nestas actividades e no sector dos servizos, as máquinas e gadgets aforraranlle ao persoal os labores máis arriscados, repetitivos ou aburridos.

(Fonte: La Vanguardia)