¿Por que moitas empresas están insatisfeitas coas súas innovacións?

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

¿Que pasaría se no mundo de hoxe, un director executivo dunha empresa importante declarara publicamente que está en contra da innovación e decidira non facer investimentos neste ámbito? Probablemente sería despedido de inmediato, mentres a compañía se vai directo á bancarrota.

Por non mencionar, que o seu caso sería mencionado durante décadas como un exemplo de miopía de negocios ou en termos máis mundanos, de parvo rematado. ¿Por que? Porque estar en contra da innovación é máis ou menos o mesmo, que admitir que unha organización non necesita progresar ou adaptarse aos tempos.

Pero se a necesidade de innovación é algo tan evidente, ¿como explicar que tan poucas empresas están satisfeitas cos seus resultados? Moitos pensan que a innovación concentra tanta atención que o éxito debería ser case inevitable.

A realidade é que existen moitos factores que contribúen a obter tan pobres resultados: as empresas carecen de compromiso e recortan en innovación en tempos difíciles, a rutina mata á innovación, as organizacións non saben como innovar nas áreas adecuadas e un longo etc. Non obstante, o núcleo do problema é máis común: a maioría das empresas non teñen unha maneira adecuada de medir a innovación.

Un argumento contra as métricas é a existencia dunha suposta incompatibilidade entre creatividade e disciplina, a idea de que as regras e os procesos sufocan a innovación. E, de feito, moitas empresas teñen procesos que matan todas as oportunidades. Son aquelas que se entusiasman coas innovacións e ao menor tropezo, descártanas.

Para poder saber se o camiño innovador que tomou unha empresa é o correcto e ter unha idea de que tanto se está avanzando neste ámbito, é imprescindible contar con ferramentas fáciles de aplicar que permitan medir o avance e os resultados da innovación.

Como medir a innovación

Sen dúbida é posible contar cun conxunto ben deseñado de métricas de innovación, que deixen espazo para a experimentación e utilicen esta visibilidade adicional sobre ideas e resultados, para promover a creatividade e non para acabar con ela.

Se se fai correctamente, a aplicación destas métricas convértese en algo así como sensores nunha liña de produción, que avalían os diferentes aspectos do proceso e dan ideas sobre os cambios necesarios para obter mellores resultados.

Grupos de métricas

Recursos e ideas: con esta ferramenta mídense os medios que se usan para innovar. Algúns deles, como o diñeiro, a xente e o tempo, son internos e facilmente controlables, pero outros serán externos, como socios de innovación aberta. Medios como o diñeiro será fácil de cuantificar, pero outros, como a calidade das ideas, non tanto. Unha imaxe completa e global dos recursos que se teñen axuda ás empresas a identificar oportunidades para innovar de maneira máis efectiva.

Balance de carteira: os proxectos de innovación deben ser tratados como unha carteira de investimentos. Un inversor financeiro pode ter unha cantidade importante de accións, de obrigacións e de opcións. Unha carteira de innovación pode (e en moitos casos, debe) ter proxectos incrementais e disruptivos, outros centrados en estratexia e investimentos oportunistas, innovacións baseadas nunha determinada aposta tecnolóxica, proxectos presentes e futuros, etc. Estas pautas son as que definen a unha gran carteira de innovación.

Eficiencia do proceso: ¿Como de áxil é o seu proceso? A innovación pode requirir moito ou pouco investimento, pero un proceso ben deseñado reducirá algúns riscos e obviamente a cantidade de diñeiro que se debe investir. Unha boa investigación de marketing, pilotos e prototipos serán capaces de facer que o proceso resulte eficiente. As probas que se crean e se utilizan para medir avances deben ser capaces de filtrar adecuadamente os conceptos. Debería ser innecesario dicilo, pero hai que recordar que o tempo investido desde que se comeza a innovar ata que o produto chega ao mercado, é fundamental para que a innovación teña vantaxes competitivas.

Resultados tanxibles: É importante establecer metas para a innovación. As empresas necesitan ter unha porcentaxe dos seus ingresos provenientes de novas ideas. Pero en lugar de simplemente crear un número da nada, deben ser considerados os diferentes horizontes temporais. Se estas metas non se planifican e cuantifican, as empresas adoitan encontrarse con que acaban por matar grandes ideas, porque non obteñen delas vitorias rápidas ou teñen unha estratexia de innovación que non mostra resultados comercializables.

Reflexión final

Non hai dúbidas de que é imposible lograr que as ideas por si mesmas se transformen case maxicamente nun éxito, senón que, como todo, a innovación require un proceso. Pero é en van investir diñeiro, ter talentos que rompan os cascos e unha política orientada á innovación, se non se mide con rigorosidade e método todo o proceso.

(Fonte: Agencias)