Un proxecto vigués para controlar o lixo mariño con drons, premio Galicia das Telecomunicacións

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O proxecto LitterDrone, que aplica as tecnoloxías dos drons para a detección de residuos presentes na costa, foi un dos galardoados nos Premios Galicia das Telecomunicacións. As distincións, promovidas de forma conxunta polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, foron entregadas a semana pasada en Vigo.

O recoñecemento ao proxecto LitterDrone, monitorización do lixo mariño empregando drons e análise de imaxe está dirixida por Fernando Martín, profesor na Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Distingue a mellor iniciativa das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) con beneficios sociais.

Botou a andar a comezos do 2017 como unha das iniciativas seleccionadas na convocatoria europea BlueLabs cun presuposto de case 400.000 euros e dous anos de duración. A súa finalidade é aplicar as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados para conseguir imaxes que posteriormente se procesarán para a detección de posibles residuos presentes nas praias ou noutras zonas costeiras. Isto permitirá localizar o lixo para poder así axilizar o traballo do persoal encargado da limpeza.

Fernando Martín considera moi importante o feito de que se valore o beneficio social: "Neste caso está moi claro que a resolución de problemas ambientais supón un beneficio para a sociedade". Entende que a aplicación da tecnoloxía ao medio "é unha grande axuda para a resolución dos problemas ambientais, existen xa outros exemplos e seguro que aparecen moitos máis", conclúe.

O premio enxeñeiro do ano 2018 recaeu en Joaquín Lameiro pola súa exemplar traxectoria profesional e o seu compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións en Galicia.

O de socio de honra foi para Luciano Vidán, presidente do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, polo impulso outorgado á entidade que dirixe en relación ás novas tecnoloxías que permiten mellorar e optimizar o traballo no ámbito sanitario.

Por último, o premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC e o Acuntia para a empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións distingue a David Vázquez e Abanca, respectivamente.

(Fonte: La Voz de Galicia)