O proxecto vencedor da Galiciencia 2018 gana o primeiro premio na maior feira científica de España

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O IES San Rosendo de Mondoñedo alzouse este sábado co primeiro premio do certame de investigación escolar Exporecerca’19 Jove, que se celebrou o pasado fin de semana en Hospitalet de Llobregat, Barcelona, grazas ao proxecto denominado Rebinxe (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural). O equipo de oito estudantes viaxara á Exporecerca como premio por gañar a Galiciencia 2018 con ese proxecto.

Competían na maior feira científica de España con máis dun centenar de proxectos de toda España, e outros países como Arxentina, Brasil, Bélxica ou Turquía. Grazas ao primeiro premio conseguido, o ano que vén estarán en Abu Dabi, nos Emiratos Árabes, competindo nunha feira internacional de mozos investigadores. Ademais, o proxecto conseguiu outro premio especial, Ciencia en Acción, que consiste na participación noutra feira en Alacante.

A especie estrela coa que traballan os estudantes para a súa recuperación é a curuxa, pero tamén o moucho e os morcegos cuxas poboacións están en declive actualmente. O estudo fai fincapé en que a presenza destas especies beneficia á agricultura ao controlar a presenza de roedores e insectos e evitando o uso de praguicidas químicos.

O proxecto impulsa a colocación de refuxios para estes animais e a anotación de datos para o estudo destas especies. Desenvolvérono alumnos de ciencias de Bacharelato e foi promovido polo profesor de Bioloxía do centro, Óscar Chao Penabad.

Chao Penabad explicou que os alumnos colocaron 20 niños, que eles mesmos constrúen, en Mondoñedo, Abadín e en Alfoz, e están a recoller datos de poboacións destas especies en toda a contorna, e actualmente tamén sobre a fauna da Serra de Xistral. Para desenvolver o programa é fundamental, segundo sinalou, a colaboración tamén de particulares que a través de redes sociais e avisan de avistamentos.

O profesor mostrouse entusiasmado co resultado do traballo dos seus alumnos e explicou que o Rebinxe implica a un bo número de persoas e é un proxecto a medio e longo prazo, polo que unha vez que os actuais alumnos terminen os seus estudos o proxecto seguirá no centro.

(Fonte: Cadena SER)