O proxecto Makeroid, presentado en Galiciencia, segue o seu avance cara ao mercado

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Diego Barreiro ten sorprendido ao claustro do IES Rosalía de Castro, onde estuda o último curso do bacharelato internacional. Os últimos anos, cando hai un problema informático recorren a el para que o solucione. Representou o instituto en Galiciencia, onde presentou Makeroid, unha plataforma de Internet que pretende que "calquera persoa que teña unha idea a poida converter nunha aplicación sen ter que aprender unha linguaxe de programación nin contratar alguén para que llo faga. Así, a nosa web facilita a vida de moitas persoas que non saben programar, explica.

O servizo é gratuíto, pero parte dos que promoven aplicacións dende Makeroid poden poñer publicidade, voluntariamente, e eles reciben "unha pequena comisión para o mantemento e para poder seguir dando o servizo gratuíto". Xeran ingresos, pois. O proxecto presentouse tamén en novembro na feira de inventores Maker Faire Galicia, no Gaiás, e recibiu o premio de honra.

Afeccionado á programación

Diego comezou a destacar no ámbito das aplicacións na ESO. A primeira que realizou, no 2014, orientouna a axudar a atopar espazo libre para aparcar; ao ano seguinte presentou unha proposta en Galiciencia para estudantes e docentes; despois outra para emerxencias. "Fago as aplicacións no meu tempo libre e co tempo aumenta o meu interese pola informática. Primeiro aprendín a linguaxe de código puro e empecei a facer pequenos programas en linguaxes simples e á vez en programación web. Despois aprendín a programar en linguaxe PHP xunto coa base do HTML, CSS e JavaScript para deseñar sitios web, e Python e Lua para os programas no meu tempo libre".

Avanzando neste campo, nun foro de informática coñeceu os seis colegas cos cales promoveu Makeroid. Son Pavitra Golchha, Sivagiri Visakan e Vishwas Adiga, da India; o alemán Michael Rüdiger; o británico Cronor Shipp e o holandés Sander Jochems. Decidiron colaborar nun proxecto e así, o 6 de xuño do ano pasado, naceu Makeroid, aínda que a plataforma actual a lanzaron o 22 de xuño deste ano.

Está rexistrada como empresa en Holanda, porque é o país onde máis facilidades atoparon, pois os sete mozos teñen 17 ou 18 anos; e conseguiron financiamento: "A día de hoxe temos máis de 50.000 usuarios rexistrados na nosa plataforma, 110.000 aplicacións creadas. E o máis importante é que máis de 250.000 persoas usan ao día aplicacións feitas con Makeroid, e en setembro foron 3 millóns de usuarios".

Aínda que residen en países diferentes "falamos todos os días entre nós, a distancia non é problema porque conversamos por Internet", di. Diego explicou todo o proceso na aula de Tecnoloxía do profesor Tino Álvarez Muíña -o docente resaltou que comezara como autodidacta neste campo-, á que el asistiu cando estudaba ESO. No bacharelato internacional non se presta a atención á tecnoloxía e á formación nas TIC que a el lle gustaría, di. Este curso prevé baixar o ritmo, para preparar as probas de acceso á Universidade, "pois estudar Informática é a miña prioridade", recoñece Diego.

Respecto a Makeroid "estamos en proceso de conseguir a marca rexistrada e queremos seguir avanzando. Oxalá un día nos permita unha dedicación profesional, ou ao mellor conseguimos que nos compre Google, quen sabe! A cantidade de usuarios e o incremento que temos nos últimos meses fai que sexa un proxecto serio e atractivo", manifesta.

(Fonte: La Voz de Galicia)