O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina gaña o primeiro premio da Galiciencia 2019

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por estudantes pontevedreses é o gañador absoluto da Galiciencia 2019. A proposta de Nuno Sinde e Pedro Fernández, do Colexio Internacional SEK-Atlántico de Poio, de combater esta especie invasora usando fungos foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2020 (Barcelona).

Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt).

O proxecto merecedor do máximo galardón, entregado polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, conquistou o xurado cunha sofisticada presentación e unha sorprendente abordaxe para un problema que cada vez é máis preocupante dentro e fóra de Galicia. O stand de Nuno e Pedro estivo protagonizado por un niño de avespa velutina e varias placas de cultivo que mostraban os resultados do seu método. Partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión deste insecto, procedente de Asia e que está a destruír moitas colmeas no norte da Península Ibérica dende a súa chegada no ano 2005. O controlador natural testado con éxito polos alumnos é un fungo, o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos. Os estudantes propoñen o seu uso en todo o sudoeste francés, o norte de España e o norte de Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeu ao sistema de arranque intelixente para vehículos acoplado a un alcoholímetro, que evita que persoas cunha taxa superior á permitida poidan conducir ebrias bloqueando automaticamente, e sen opción a manipulalo, o arrancado do motor. Baixo o nome "Se bebes, non conduces", Pablo Páramo, do Colexio Maristas Santa María de Ourense, propúxose contribuír a paliar a causa maioritaria dos accidentes de tráfico: o consumo de alcohol e drogas. O seu invento incorpora un sensor que vai directamente conectado ao móbil do condutor e que, en caso de que a proba de alcolemia dea positivo, pregúntalle ao usuario se quere un taxi e chámao de xeito automático.

En terceiro lugar quedou Iria González, do Campamento tecnolóxico T2W de Tecnópole. Esta estudante ourensá demostra que a aparente base de azar do programa de televisión "The Wall" é falsa. Neste programa, lánzase unha esfera en caída libre dentro dunha máquina de máis de 12 metros de altura para determinar a cantidade de diñeiro que o concursante recibirá. En teoría, é o azar o que decide onde aterra a esfera entre as 15 zonas de recepción que ten asignada unha suma de capital, pero Iria demostra que as probabilidades de cada zona non son iguais e que estas varían segundo a zona de lanzamento. A alumna recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.

Mencións especiais

De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na categoría especial de saúde e bos hábitos resultaron gañadores Roi Santos e Sofía Prieto, do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra). A súa proposta dunha cadea de comida rápida saudable, orgánica e personalizada para cada cliente foi a mellor valorada entre os proxectos dedicados á temática especial desta Galiciencia. Health&So permite que tanto os pedidos como o pagamento se leven a cabo a través dunha aplicación móbil. O cliente crea un perfil introducindo toda a información persoal necesaria: altura, peso, alerxias, intolerancias ou calquera outra necesidade médica, así como a súa dieta (se é vexetariano/a, vegano/a, etc.). A partir disto, a aplicación crea e encarga un menú axeitado ás súas necesidades nutricionais.

O proxecto de concienciación sobre a protección solar de Andrea Lage e Noa Fernández, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), fíxose co recoñecemento á mellor presentación e comunicación oral. Conscientes dos problemas de saúde causados pola exposición ao sol, as alumnas quixeron coñecer que percepción ten a poboación e cales son os seus hábitos de fotoprotección. Da súa investigación despréndese que é necesario difundir mellor as claves dun bronceado intelixente e concienciar da perigosidade da exposición ao sol fóra de praias e piscinas.

Como proxecto máis innovador, foi premiado "ComunicaTEX", creado por María Buceta e María Seoane, do IES A Xunqueira II de Pontevedra. A súa proposta consiste en aplicar as utilidades dos wereables -nome co que se coñecen os téxtiles con algún tipo de elemento electrónico incluído- como elementos de inclusión social. As dúas estudantes crearon materiais e-téxtil capaces de axudar a comunicarse a persoas con diversidade funcional mediante sons e luces.

Por último, o estudo sobre a ecoloxía e distribución da donacilla cornea na Ría de Aldán de alumnas do Colexio Alborada de Vigo foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido. Sara Regades e Lucía Navarro decidiron investigar este bivalvo das rías galegas que case non está estudado e que en Andalucía estivo a punto de desaparecer pola súa extracción indiscriminada. A donacilla non ten interese comercial, pero si valor ecolóxico polo que representa en biodiversidade e funcionalidade no ecosistema. As alumnas recolleron mostras na praia de Vilariño para obter datos sobre os seus talles, fenotipos e índice de estabilización da cuncha, etc.

(Fonte: Galiciencia)