Un proxecto europeo busca aumentar a autonomía do vehículo eléctrico reducindo o seu peso nun 40%

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A mobilidade sustentable é un modelo que busca paliar os problemas ambientais e sociais ocasionados polas formas tradicionais de transporte, como a contaminación do aire, a dependencia enerxética de combustibles fósiles ou os efectos adversos sobre a saúde da poboación.

Neste contexto, o vehículo eléctrico é unha das ferramentas que, no futuro, poden contribuír a alcanzar esa mobilidade sustentable. Non obstante, no presente a tecnoloxía asociada ao vehículo eléctrico presenta algunhas limitacións como a autonomía das baterías: un coche eléctrico de tamaño medio só pode circular entre 150 e 200 quilómetros sen ser recargado.

O Laboratorio de Materiais Celulares (CellMat) da Universidade de Valladolid (UVa), que forma parte do Grupo de Investigación Recoñecido (GIR) Física e Química dos Sólidos, participa nun proxecto do VII Programa Marco da Comisión Europea que ten como fin último incrementar a autonomía dos vehículos híbridos (aqueles que combinan un motor eléctrico cun de combustión) e totalmente eléctricos.

O proxecto, denominado Evolution, conta cun consorcio formado por 24 entidades procedentes de diversos países europeos como Alemaña, Reino Unido ou Italia, e está coordinado pola universidade danesa de Aalborg. Ademais do grupo da UVa, na iniciativa colaboran outras dúas entidades valisoletanas, a Fundación Cidaut e a empresa ABN Pipe Systems, situada en Medina do Campo.

Como detalla o catedrático da UVa Miguel Ángel Rodríguez, coordinador de CellMat, "o proxecto non se centra na parte do motor ou nas baterías deste tipo de vehículos, a estratexia é deseñar un coche significativamente máis lixeiro, xa que se se reduce o peso case á metade, a autonomía pode case duplicarse". En concreto, o consorcio de investigadores propúxose diminuír o peso da estrutura do Niño, un modelo da empresa Pininfarina (que tamén forma parte do proxecto), nun 40 %, ata alcanzar os 600 quilogramos.

Para iso, os diferentes socios redeseñarán cada peza da estrutura do vehículo utilizando materiais avanzados que, aínda sendo moito máis lixeiros, manteñan as súas propiedades (mecánicas, térmicas, etc.) e os requirimentos de seguridade.

O traballo do Laboratorio CellMat céntrase en contribuír á redución de peso de certas estruturas mediante a incorporación de materiais celulares de baixa densidade. "Anteriormente formamos parte doutro consorcio europeo, o do proxecto Nancore, no que desenvolvemos unha tecnoloxía para fabricar escumas de polipropileno de baixa densidade para substituír á madeira de balsa que se emprega nas pas dos muíños eólicos. Vimos que ese material podería ser útil noutros sectores, como o da automoción. Estamos a tratar de implementar os nosos materiais celulares en base polipropileno que, ao ser porosos, inclúen menos material e polo tanto pesan menos e poden achegar rixidez en certas estruturas ademais de absorción de enerxía en caso de impactos. Ademais estes materiais teñen a vantaxe de ser reciclables", explica Miguel Ángel Rodríguez.

En fase de prototipado

Evolution iniciouse en novembro de 2012 e ten unha duración de catro anos. En total, o proxecto conta con dez paquetes de traballo. Nestes momentos, a parte do proxecto na que traballa a UVa atópase en fase de prototipado. "Deseñáronse sete prototipos de distintas zonas dun automóbil" apunta o investigador da UVa, quen avanza que se ensaiarán tamén outros materiais para comprobar cal pode ser o máis idóneo.

"O consorcio constituíuse con socios procedentes doutros proxectos europeos en torno a materiais avanzados que poden ter aplicación na industria da automoción. Deste modo, partimos dun coñecemento previo en torno a materiais avanzados xa testados noutros ámbitos, e tratamos de levalos a outro sector", agrega.

Non obstante, trátase dun traballo complexo, xa que as prestacións ás que deben responder estes novos materiais lixeiros son moi esixentes. Non só os polímeros, como materiais celulares en base polipropileno, senón tamén outros materiais, como as aliaxes de aluminio, terán que cumprir coas directrices europeas en aspectos como o ciclo de vida, para chegar unha nova xeración de vehículos híbridos e eléctricos.

(Fonte: Cordis)