Primeira ferramenta online para calcular a eficiencia enerxética das vivendas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Alcanzar a eficiencia enerxética dunha casa obtendo a maior rendibilidade económica. Este é o obxecto da ferramenta on line RentalCal deseñada pola Universidade de Alacante (UA) xunto a expertos de oito países europeos. Trátase do primeiro instrumento, aberto a toda a poboación, deseñado para calcular incentivos e custos que implican as obras de renovación en vivendas orientadas a aumentar a eficiencia enerxética.

A maioría de bloques de vivendas europeos son inmobles de aluguer que necesitan reformas importantes para alcanzar criterios de sustentabilidade acorde coa normativa que marca a Unión Europea. Grazas a esta ferramenta en liña, a partir de datos como características da vivenda, consumo enerxético, tipo de intervención e perspectiva de financiamento, calquera empresa ou particular pode avaliar a rendibilidade dunha intervención, independentemente do seu coñecemento sobre eficiencia enerxética.

RentalCal é un proxecto europeo H2020 no que participa a Universidade de Alacante xunto a economistas, aparelladores, sociólogos, urbanistas e expertos en novas tecnoloxías de once institucións de Alemaña, Dinamarca, República Checa, Francia, Polonia, Reino Unido e Países Baixos. O seu principal obxectivo é desenvolver modelos e ferramentas para avaliar a viabilidade comercial da modernización da eficiencia enerxética no parque de vivendas de aluguer.

"Tras tres anos de traballo conseguimos deseñar un completo e complexo instrumento online para avalar a toma de decisións e incentivar o investimento en modelos inmobiliarios enerxeticamente eficientes", explica a profesora da UA e investigadora principal do proxecto en España, Paloma Taltavull.

A ferramenta de cálculo de rendibilidade RentalCal proporciona unha comparación aberta e obxectiva das oportunidades de investimento dispoñibles no mercado de alugueres. Adopta metodoloxías establecidas e parámetros para avaliar diversas modernizacións de enerxía e custos de oportunidades de investimento. Neste sentido, dispón dunha completa base de datos sobre custos de renovación enerxética que inclúe tanto sistemas de uso enerxético (aparatos eléctricos, caldeiras...), como gastos de obra e man de obra para illar as vivendas.

Deducións e incentivos fiscais

Ademais, realizouse unha completa análise de modelos inmobiliarios, financeiros e de consumo enerxético por áreas climáticas (continental, atlántica e mediterránea) de todos os países europeos participantes no proxecto para poder calcular automaticamente deducións e beneficios fiscais.

Pero a ferramenta non só trata o cálculo da eficiencia económica. "RentalCal calcula o green premium (valor verde) da túa vivenda, é dicir, o incremento potencial do prezo dun inmoble tras as reformas aplicadas á residencia. No mercado de alugueres o prezo dunha vivenda enerxeticamente eficiente é maior", explica Taltavull.

A profesora da Universidade de Alacante insiste en que a eficiencia no consumo de enerxía, ademais de representar un valor engadido para a propiedade inmobiliaria, é un decisivo factor para facer fronte ás expectativas dun "custo enerxético crecente". Ao seu xuízo, a renovación das vivendas con criterios de eficiencia enerxética non ten por que supoñer un desembolso importante.

(Fonte: SINC)