Preto de 100 expertos europeos reúnense en Vigo para analizar as últimas innovacións en tecnoloxía láser a nivel mundial

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Preto dun centenar de persoas participaron nas IX Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser, organizadas polo Centro Tecnolóxico AIMEN en Vigo. Expertos europeos presentaron alí os novos avances nesta novidosa tecnoloxía, que conta con múltiples aplicacións para a práctica totalidade dos sectores industriais (naval, metalmecánico, automoción, aeronáutico, etc.).

Con nove edicións celebradas, estas xornadas consolidáronse como a principal cita a nivel español para provedores, usuarios e investigadores de procesado de materiais con láser; mostrando que se trata dunha tecnoloxía completamente adaptada á industria, cun alto compoñente investigador, tanto para identificar novas aplicacións como para optimizar as existentes.

Representantes das compañías IPG Laser, Laserline e Rofin-Baasel, entre outros, referentes na fabricación de dispositivos, mostraron as innovacións alcanzadas nas investigacións en láser de fibra, díodo e CO2, respectivamente; onde os esforzos se están a concentrar en aumentar o seu rendemento e a vida útil dos equipos, incrementar os seus niveis de potencia e precisión, e optimizar os consumos enerxéticos, para conseguir un maior aforro nos custos de produción. Así mesmo, Reis Robotics informou sobre tipos de robots aplicables en dispositivos láser, adaptando o seu deseño ás necesidades de cada sector.

Pola súa banda, a empresa Praxair explicou de que forma o emprego dos gases pode influír favorablemente na produtividade dos dispositivos láser; mentres que o Centro Tecnolóxico AIMEN deu a coñecer un proxecto de aplicación desta tecnoloxía nun proceso de fabricación do sector téxtil, co que se logrou importantes aforros de tempo e custos, á vez que se conseguiron significativas melloras no resultado final do produto. A empresa Precitec incidiu na consecución de maiores niveis de calidade no procesado de materiais con tecnoloxía láser.

Encontro de negocios

No marco das xornadas, habilitouse un espazo para que os provedores de tecnoloxía láser puidesen interactuar cos asistentes e dar a coñecer as súas innovacións. As firmas máis punteiras, como Laserline, Lasing, Rofin-Baasel, Reis Robotics, LPKF Laser & Electronics, RMS Rapid Manufacturing Systems, Alava Ingeneiros, Micos e MTB presentaron a súa tecnoloxía máis vangardista, como a incorporación de sistemas robóticos, os láseres de fibra, CO2 ou de díodo.

Por outra banda, representantes de corporacións como Peugeot-Citroën, Gestamp, Hydracorte (Grupo Caamaño) e Talleres Mecánicos Comas explicaron como a industria está a incorporar a tecnoloxía láser para a fabricación de compoñentes e na aplicación de procesos produtivos. Así mesmo, expertos de institucións como a Asociación Centro de Investigación en Tecnoloxías de Unión, LORTEK; o Centro de Tecnoloxía Óptica e Láser Alphanov (Francia), a Fundación TECNALIA Research & Innovation, as universidades da Coruña, o País Vasco UPV/EHU e a Politécnica de Madrid e do Centro Tecnolóxico AIMEN, presentaron os proxectos que están a desenvolver relacionados coa aplicación de tecnoloxía láser.

(Fonte: AIMEN)