Premio para o chaleco intelixente "made in Galicia"

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A Asociación de Técnicos Superiores de Prevención de Riscos Laborais (Prevenga), con sede en Granada, premiou a empresa tecnolóxica galega Scio TT na modalidade de innovación polo seu sistema de seguridade marítima intelixente S2S (Safe to Sea).

É un dispositivo innovador e pioneiro, capaz de alertar automaticamente os servizos de emerxencia de situacións de home á auga. O S2S consta dun dispositivo intelixente que leva o tripulante integrado por un localizador por satélite e un chaleco salvavidas incorporado ao traxe de faena, e unha consola de mando que permite realizar un seguimento permanente da tripulación a bordo. Así, en caso de que un mariñeiro caia á auga, o sistema, ademais de lanzar un sinal, despregará en dous segundos un chaleco homologado de inflado automático que o manterá a flote ata o seu rescate. Pablo Bermúdez, director xeral e socio da empresa, explicou que é o primeiro premio que reciben pola súa contribución a mellorar a seguridade laboral.

Bermúdez avanzou que o dispositivo está xa instalado nunha trintena de barcos pesqueiros en Galicia. As primeiras probas realizáronse hai un ano. Durante varios meses estiveron a realizar axustes e adaptando o equipo aos traxes de cada tripulación e ás características dos buques, sobre todo para que fose cómodo, destacou o director xeral de Scio TT.

Durante o tempo que leva funcionando, a compañía detectou dúas incidencias nas que o sistema demostrou a súa eficacia. Nun dos sucesos, un mariñeiro caeu á auga despois de que o barco chocase contra unhas rochas, foi localizado e rescatado grazas ao chaleco.

Para Bermúdez, "con este sistema non se garante o 100% das vidas, pero si, en caso de desgraza, que o corpo poida ser recuperado xa que a tecnoloxía nos achega ao lugar cunha marxe de erro mínimo". Tamén no sector portuario. Pero a ambición da compañía vai máis alá da pesca e de Galicia. Pablo Bermúdez explicou que xa están a probar o sistema de localización de náufragos con traballadores portuarios, entre outros, e que o queren lanzar comercialmente en Andalucía e Portugal, ambas as dúas con importantes frotas, como Galicia.

(Fonte: La Voz de Galicia)