A preincubadora Tecnópole-Uvigo abre a convocatoria para optar aos seus catro espazos para emprendedores universitarios

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Só un 5% dos universitarios españois inicia un proxecto empresarial ao final dos seus estudos. No caso da Universidade de Vigo esta cifra ascende ata aproximadamente o 14%, segundo os datos da propia institución. Para contribuír a que os membros da comunidade universitaria escollan o camiño do emprendemento e o fagan con toda a axuda e o apoio posible para ter éxito, a Universidade de Vigo e o Parque Tecnolóxico de Galicia acaban de presentar o proxecto da preincubadora universitaria do campus de Ourense.

O seu nome será Piuvi-Tecnópole OU e estará situada en Tecnópole. Os estudantes da Universidade de Vigo e os seus egresados recentes que teñan ganas de poñer en marcha un negocio teñen de prazo ata o próximo 29 de abril para presentar a súa idea e optar a ocupar un dos primeiros catro niños que ofrece a nova preincubadora universitaria.

"A Universidade de Vigo, a universidade do sur de Galicia, está dende hai anos decidida a fomentar o emprendemento entre o alumnado. Temos que imprimir esa cultura nos nosos estudantes porque eles serán os empresarios do futuro e é fundamental que aposten polo coñecemento e a innovación como base do seu traballo", destacou Salustiano Mato durante a presentación de Piuvi-Tecnópole OU nun acto ao que tamén asistiron María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Manuel Antonio Varela, director da Axencia Galega de Innovación; Ricardo Capilla, director-xerente de Tecnópole; Victoria Rois, secretaria xeral da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, e Nani Regueira, da Confederación Empresarial de Ourense. "Sempre, e máis no contexto actual, apoiar o emprendemento é algo fundamental, temos que apoiar os emprendedores que parten do coñecemento e que poden cambiar o modelo produtivo", subliñou Manuel Antonio Varela, que tamén destacou a importancia de que o coñecemento da universidade chegue á sociedade a través de iniciativas como esta.

Convocatoria aberta

Segundo explicaron as entidades promotoras, a convocatoria para presentarse a ocupar un dos catro primeiros espazos que ofrece a preincubadora universitaria quedou aberta o día 1 de marzo. Os niños, que poderán ocuparse por un período de 6 meses prorrogable ata un ano, estarán situados na sala de coworking de Tecnópole ou en locais libres do edificio CEI, atendendo ás necesidades de cada proxecto. O Parque Tecnolóxico de Galicia subvencionará o 100% do canon de uso das infraestruturas nas súas instalacións, o uso gratuíto da wifi, o consumo de electricidade e o acceso a servizos comúns. Os gañadores dos espazos tamén se poderán beneficiar de actividades de formación e asesoramento gratuítos ofertados pola Cámara de Comercio e Industria de Ourense e pola Confederación de Empresarios de Ourense. Unha vez constituída a empresa, o emprendedor terá un prazo máximo de catro meses para abandonar a preincubadora.

Os proxectos que se presenten a esta convocatoria poden ser individuais ou de grupo cun máximo de catro membros, que necesariamente deberán estar matriculados na Universidade de Vigo en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou máster, ou ser titulados pola Universidade de Vigo no curso 2009/2010 ou posteriores. As ideas poden proceder de calquera das ramas de coñecemento consideradas nos plans de estudo da Universidade, como son Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñería e Arquitectura.

Viabilidade das ideas

Os proxectos que se presenten á convocatoria avaliaranse atendendo, entre outros criterios, ao seu carácter innovador, o seu nivel de desenvolvemento e a súa viabilidade; a posible creación de emprego e calidade e diversidade deste; o potencial internacional; o aproveitamento de recursos dispoñibles; a sustentabilidade da iniciativa; o nivel de implicación real dos emprendedores e a responsabilidade social do proxecto. O proceso de selección terá dúas fases. Haberá unha primeira entrevista persoal a todos os candidatos realizada por un panel de expertos na que se avaliará a idea e a súa adecuación á convocatoria. Posteriormente unha comisión de selección estudará e avaliará os proxectos finalistas e escollerá os gañadores.

A través desta avaliación dos proxectos candidatos, os promotores da iniciativa queren axudar aos emprendedores a analizar as posibilidades de viabilidade real e futura da súa idea. "Para fomentar o espírito emprendedor no colectivo universitario é preciso dotalo dun ámbito de protección que permita maximizar as posibilidades de materialización das ideas en novos proxectos emprendedores, contribuíndo deste modo á transferencia de coñecemento universitario cara a sociedade,", destacou Salustiano Mato. O reitor da Universidade de Vigo quixo por último animar aos universitarios a superar a barreira do medo a emprender e tamén a fracasar e asumir o risco controlado de emprender na preincubadora universitaria, onde van ter o apoio de persoas e institucións que traballan día a día coa realidade do mundo empresarial.

(Fonte: DUVI)