A preincubadora de Tecnópole e a Universidade de Vigo abre a busca de novos proxectos ata o 2 de febreiro

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A preincubadora de proxectos empresariais que Tecnópole promove en colaboración coa Universidade de Vigo busca novos inquilinos. Os gañadores dos premios Incuvi-Emprende do Campus de Ourense, que teñen o prazo de presentación aberto ata o 2 de febreiro, instalaranse no Centro de Innovación e Empresas (CEI) do Parque Tecnolóxico de Galicia para desenvolver a súa idea de negocio.

A través desta convocatoria seleccionaranse catro proxectos que se incubarán en Ourense, dous en Pontevedra e seis en Vigo. Esta iniciativa, que vai xa pola súa sexta edición, trata de fomentar o espírito emprendedor tanto dos estudantes coma dos titulados para que poidan converter unha idea de negocio nunha realidade empresarial. Os seleccionados e seleccionadas terán á súa disposición durante un ano espazos, ademais de en Tecnópole, nas oficinas de Incuvi na Cidade Universitaria de Vigo e na preincubadora de AJE en Pontevedra.

Os interesados e interesadas en participar deben presentar as súas solicitudes antes do 2 de febreiro, sempre e cando rematasen os seus estudos na Universidade de Vigo no curso 2013/14 ou posteriores ou sexan alumnado actual de calquera das titulacións oficiais. Os participantes poden solicitar o campus da súa preferencia, independentemente de onde cursen estudos e, no caso de non ser seleccionados para o campus da súa elección, poderán ser tidos en conta para os outros espazos.

A principal novidade desta convocatoria está no campo administrativo, xa que os participantes, en vez de presentar un documento de resumo do proxecto en papel, deberán oficializar a súa candidatura de xeito telemático cubrindo un cuestionario no que se lles pregunta sobre a idea de negocio; a orixe da idea; o enlace da idea cos estudos universitarios ou cun grupo de investigación; o problema ou necesidade non satisfeita polo mercado que trata de resolver o proxecto; o perfil do cliente potencial; os principais competidores ou as alternativas que ofrece o mercado; a proposta para monetizar a idea; as principais barreiras legais e tecnolóxicas e as necesidades financeiras para a posta en marcha do proxecto.

Os proxectos que se presenten á convocatoria poderán ser individuais ou en grupos dun máximo de catro persoas, sempre que a empresa non fose premiada nalgunha outra convocatoria ou certame. Para a valoración dos traballos terase en conta o carácter innovador do proxecto, a súa viabilidade, o seu nivel de desenvolvemento, a empregabilidade, o potencial internacional, o aproveitamento dos recursos e a sustentabilidade, así como a incorporación de perspectiva de xénero ou o grao de responsabilidade social.

As persoas ou equipos seleccionados terán un ano por diante para converter a súa idea emprendedora nunha realidade, nos espazos e cos medios postos á súa disposición e coa axuda de asesores e profesionais que lles ofrecerán formación complementaria.

Ademais, no mes de xaneiro publicarase a segunda convocatoria de Incuvi-Avanza, un programa que trata de consolidar como empresas a dúas das iniciativas seleccionadas no Incuvi-Emprende da edición anterior.

Na pasada edición presentáronse un total de 29 proxectos. Na preincubadora de Tecnópole púxose en marcha a cooperativa de iniciativa social Brigantia; unha empresa de compra-venda de produtos galegos; Barbook, unha aplicación social enfocada ao sector servizos; e Enviroverde, dirixida á creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos.

(Fonte: DUVI e Tecnópole)