¿É posible unha sociedade sen plástico?

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O ser humano plastificou a súa vida. E o planeta. A capa de polímeros que envolve a Terra engrosouse nas últimas catro décadas exponencialmente, ata alcanzar unha produción de 335 millóns de toneladas anuais, segundo os últimos datos da asociación de fabricantes PlasticsEurope. A Organización das Nacións Unidas (ONU) eleva esta cifra a máis de 400 millóns de toneladas e advirte que só un 9% dos desperdicios producidos son reciclados. A este ritmo -a demanda mundial creceu un 4,7% ao ano no período 1990-2017-, no 2050 haberá en torno a 12.000 millóns toneladas de plástico en vertedoiros e no medio. E nos océanos, máis lixo que peixes.

A extensa familia dos plásticos permitiu -e apoderouse- do desenvolvemento tecnolóxico que catapultou outras áreas de coñecemento respecto á sociedade de hai, non máis, uns 60 anos -a chamada Grande Aceleración- cando tamén a produción mundial de polímeros se atopaba en fase incipiente. Pero hai que levantar o pé do acelerador. A freada xa chega tarde. Non só porque a industria petroquímica, baseada en materias fósiles, ten data de caducidade, é dicir, son recursos limitados, senón porque o planeta xa non pode máis: segundo a ONU, o 79% do lixo xerado do plástico atópase en vertedoiros ou tirada directamente no medio. Advírteo tamén a organización ambiental WWF no informe Planeta Vivo: "A humanidade ten o desafío ineludible de corrixir o rumbo e de aprender a traballar dentro dos límites ambientais do noso planeta e manter e restaurar a resiliencia dos ecosistemas".

En canto ao plástico, a pregunta xa non é só se é posible unha sociedade sen el. A día de hoxe, a resposta é obviamente non. A clave é que materiais virán ao rescate para substituílo. Porque o emprego doutras materias primas alternativas, agora dispoñibles, nos casos que hipoteticamente fose posible, exercería unha presión ambiental desmedida para abastecer a demanda mundial.

A curto prazo, a opción ao plástico é a súa correcta xestión, que implica, como noutros sectores, a transición dunha economía lineal -usar e tirar- a unha circular, onde prima a reutilización e a reciclaxe, porque os 9000 millóns de toneladas de plástico que xa hai actualmente esparexidos no planeta, segundo as estimacións de Nacións Unidas, son incompatibles coa sustentabilidade e o equilibrio biolóxico se non se tratan correctamente.

Reducir a produción conduce tamén á senda da innovación tecnolóxica, con plans como o trazado para as bolsas de plástico, que pasaron de ser un artigo gratuíto nas superficies comerciais a cobrar por elas e, no horizonte do 2020, a súa composición deberá ser obrigatoriamente con materiais compostables, orgánicos. Outros produtos como bastonciños, garfos, pratos, palliñas, varas para mesturar cócteles ou os paus de plástico para globos seguirán o mesmo camiño.

Non obstante, existen compoñentes plásticos para os que non hai, a día de hoxe, circuítos de recollida e reciclaxe. Están abocados a un vertedoiro, no mellor dos casos. A Unión Europea fai fincapé neste tipo de plástico -por exemplo, o dos xoguetes- porque están feitos con polímeros que non se reciclan. Unha das solucións achegadas é alongar a súa vida útil a través da reparación e a reutilización. Pero queda moito treito por percorrer en canto a estes compostos.

¿Canto se pode reducir?

As directrices apuntan cara á desaparición dos plásticos dun só uso. A partir de aí, os esforzos encamíñanse a incrementar a taxa de reciclaxe, especialmente nos envases. Se ben se avanzou nos últimos anos, existen grandes diferenzas entre países, mesmo entre comunidades dun mesmo territorio. As cifras tamén varían moito dependendo do tipo de plástico. O PET, do que están compostas as botellas, dispón de sectores industriais de tratamento moi desenvolvidos e a materia reciclada pode reutilizarse sen dificultade. Un sector que logrou avanzar moito en reutilización de elementos plásticos é a automoción, segundo recolle a Asociación Española de Industriais de Plásticos, que consideran que se trata dun sector con cifras marca en canto á reciclaxe dos seus materiais.

En cambio, outros tipos de polímeros seguen sendo incinerados, porque a súa reciclaxe resulta aínda custosa ou imposible. O obxectivo que persegue o Paquete de Economía Circular da UE é que no 2030 se recicle o 55% de todos os envases domésticos, e que no 2035 vaia como máximo o 10% dos desperdicios ao vertedoiro. Entidades como Ecoembes, a organización ambiental de reciclaxe de envases, son mesmo máis ambiciosas, xa que pretende chegar ao 80% de reciclado de envases domésticos no 2020.

Estratexia de economía circular

No 2017, os galegos depositaron unha media de 10,5 quilogramos de envases en colectores amarelos, ademais de 11,7 quilogramos de papel e cartón no azul. Supón un dato positivo respecto aos últimos exercicios, aínda que por debaixo da media española, onde xa se conseguiu que se recicle o 77,1% (13,96 quilos por persoa).

Precisamente para apuntalar o crecemento da reciclaxe en Galicia, as tres universidades galegas traballan na elaboración dunha estratexia de economía circular que esperan finalizar para finais de ano. Ao mesmo tempo que estudan un plan específico para a redución de plásticos dun só uso.

¿Inimigo ou aliado?

"O plástico non é o problema, é o que facemos con el". Son palabras do director do Programa de Nacións Unidas para o Medio (PNUMA), Eric Solheim, na presentación do informe que analiza os programas existentes en 60 países para a redución do lixo plástico. Segundo os expertos que redactaron o texto, as medidas máis eficaces para facer fronte a este problema son a imposición de prohibicións selectivas e a aplicación de impostos, sempre que se planifiquen ben e se implementen efectivamente. E, por suposto, a concienciación cidadá.

Para o director executivo de PlasticsEurope, Karl-H. Foerster, "unha sociedade sen plásticos é impensable porque teñen enormes vantaxes no combate contra o cambio climático, mellorando por exemplo o illamento dos edificios e contribuíndo a frear as emisións, ou na preservación dos alimentos para unha poboación mundial crecente". Certo é que as súas aplicacións modernas son incontables, dende sanidade a ocio, pero quedan materias pendentes como aumentar a reutilización e a reciclaxe, previr a fuga de plásticos ao medio e acelerar a eficiencia no uso dos recursos.

(Fonte: La Voz de Galicia)