Porto-Muiños, premio Origen á innovación de introducir algas na cociña atlántica

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Esquezámonos das algas relacionadas con exóticos pratos xaponeses. Galicia conta dende hai xa un par de décadas con Porto-Muiños, unha das empresas pioneiras en introducir as algas na gastronomía local a base dun proceso constante de innovación, que agora foi recoñecida pola revista Origen, como gañadora da categoría Mellor Produtor.

Un novo recoñecemento que chega por parte dunha publicación a nivel nacional a un traballo que o apaixona, "é a nosa forma de vida e non esperabamos que nos fosen dar un premio, pero agradécese, ademais do premio da xente que recibimos todos os días," di humildemente Antonio Muiños, á fronte desta empresa coruñesa.

Recollerán o galardón o próximo mes de decembro en Madrid, pola súa traxectoria e a orixinalidade do seu produto: "Grazas ao esforzo dunha produción sustentable e o respecto á orixe".

Xa son máis de 20 anos no negocio, que xurdiu da inquietude por dar futuro a unha pequena fábrica de conservas da súa propiedade. "Barallamos varios produtos autóctonos, e finalmente, inspirados por unha tendencia moi asentada en Xapón, apostamos polas algas", explica Antonio remitíndose ás orixes.

Ante todo, foi "unha aposta por un produto da terra", que apenas fora explorado dende a óptica culinaria. Aínda que pareza un luxo da gastronomía exótica, en Porto-Muiños teñen claro que en España cada vez se vende máis: "Hai unha aposta por telo nos lineais do supermercado e nos restaurantes. A exportación ten un peso grande, pero queda en torno a un 30% da produción".

Convencer a base de levalas ao prato

Abrirse un oco en algo tan novidoso fixo necesario un esforzo inicial: "o investimento foi forte, sobre todo en maquinaria para procesar as algas". É o prezo de ser pioneiros e ir abrindo camiño. Dende o principio déronse conta que a innovación debía ser un departamento transversal na empresa. En Porto-Muiños sempre están investigando novos sistemas de produción e de cultivo.

Na actualidade cultivan catro especies na ría de Sada, e xa están a traballar en novas especies cultivadas. Ademais, cando chega a tempada, a recollida de algas prodúcese ao longo de toda a costa galega.

Agora cada vez xorden novas empresas que se dedican a iso, "vanse incorporando e é o lóxico, con iso contribúen a crear unha cultura das algas", indica Antonio, que sempre foi consciente da importancia de demostrar o seu valor culinario.

Hai unha enorme variedade que, "a quen non coñeza as algas, lle sorprenderá". Pódense incorporar a infinidade de pratos: empanadas, caldeiradas, tamén nun revolto ou unha tortilla. Entre as súas virtudes, a súa versatilidade, "hai distintas texturas, segundo os tempos de cocción; unhas saben máis a mar, outras teñen un sabor similar ás verduras". Antonio anima "a que as proben introducíndoas nos pratos da tradición atlántica".

Os cociñeiros foron grandes compañeiros de viaxe. Rapidamente se decataron das súas calidades, como por exemplo, "que achegan aroma aos pratos". Hai unha tendencia de cociña saudable á que o consumo de algas se adapta perfectamente. Ademais, detrás de Porto-Muiños está unha aposta pola costa galega e un respecto e promoción da orixe que acaba de ser recoñecido a nivel nacional.

(Fonte: La Opinión)