Pescanova quere converter a Galicia en referente mundial en I+D en acuicultura

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

"Innovación" é un vocábulo que está no ADN de Nova Pescanova. E "acuicultura" tamén por máis que a pesca extractiva fora a nai que pariu á compañía con sede en Chapela e o ámbito na que esta creceu e alcanzou a dimensión multinacional que a caracteriza.

De feito, na cría de especies non é neófito. Introduciuse nos oitenta, vinte anos despois da fundación da empresa, e hoxe constitúe un dos seus principais piares de actividade, con cultivos de rodaballo (Galicia), lagostino vannamei (Guatemala, Honduras, Nicaragua e Ecuador) e tilapia (Brasil), aparte dun pasado no que houbo cría de salmón e troita en Chile, lagostino japónicus en Huelva e crustáceos en Arxentina.

Por máis que os antecesores da compañía estean na pesca extractiva, coa produción desta estabilizada, Nova Pescanova ten claro que é a acuicultura a única vía para poder atender a crecente demanda de proteínas mariñas.

Por iso xa no plan estratéxico que marcou o rumbo á Nova Pescanova tras o concurso de acredores incluíuse a aposta polos centros de investigación neste campo. Porque esa responsabilidade non pode quedar no «terreo da arte», senón que require "desenvolvementos tecnolóxicos e procesos robustos que aseguren producións sustentables", asegurou Juanjo de la Cerda, director corporativo de I+D, Calidade e Sustentabilidade do grupo Nova Pescanova, en ForoAcui, o Foro dos Recursos Mariños celebrado en O Grove.

Precisamente o lugar no que estará emprazado ese Pescanova BioMarine Center, que xa quedou rexistrado con tinta no plan estratéxico que a compañía presentou nada máis levantarse do traspé do concurso de acredores.

Primeiro de España

Nova Pescanova investirá 4,5 millóns de euros en habilitar os 4000 metros cadrados que antes dedicaba ao cultivo de rodaballo -140 toneladas ao ano- para poñer en funcionamento o que será o primeiro centro tecnolóxico de acuicultura privado de España e un dos maiores de Europa.

Pescanova conta con importantes desenvolvementos tecnolóxicos para a produción de crías e redución dos custos, programas de mellora xenética, experiencias en cultivos extensivos, de auga doce e en tanques, un valor de marca importante...

Con todo iso na maleta, o ano que vén mudarase á súa nova casa do Grove. A un edificio que quere compartir, abrilo a todos os operadores, para mellorar os cultivos actuais, avanzar nos planos xenético, nutricional, de manexo de cultivo e saúde, e investigar en novas especies. Iso si, coa mirada sempre posta no consumidor e no mercado, como ben manda a open innovation (innovación aberta) que rexerá o Pescanova BioMarine Center.

(Fonte: La Voz de Galicia)