As pemes do Viveiro da Cámara de Comercio en Tecnópole especialízanse como ponte entre natureza e tecnoloxía

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, o viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ourense é un dos máis lonxevos dos que forman a rede da Fundación Incyde. Abriu as súas portas a principios de 2005 e dende entón albergou 35 empresas.

A secretaria xeral da cámara ourensá, Victoria Rois, destaca que o índice de supervivencia das pemes que pasan por esta estrutura supera o 90% tras os tres primeiros anos de funcionamento. "A maioría dos negocios marchan polas súas propias necesidades", engade Rois en referencia aos que prosperan. A formación e o asesoramento aos emprendedores dende que presentan o seu proxecto ata que este bota a andar é o labor principal deste viveiro que deu acubillo a empresas de todo tipo de sectores.

O do medio ambiente é un dos máis frecuentes entre as pemes que chegan ultimamente ao viveiro de Ourense. Madeira Plus é un exemplo diso. Hai pouco máis dun ano que esta pequena empresa comezou a súa actividade. Unha das súas fundadoras, Esther Merlo, que levaba moito tempo dedicada á investigación forestal, asegura que se empezan a ver os primeiros resultados. "O Noso obxectivo é poñer en valor a madeira, incorporando para iso o parámetro da calidade", explica esta doutora enxeñeira de montes que, xunto co seu socio Óscar Santaclara, se dedica a analizar este material dende a árbore ata a industria. Grazas a métodos innovadores, como o uso de ultrasóns, poden determinar a calidade da madeira sen necesidade de danala. Trátase dunha empresa única en España e da que non hai demasiados exemplos no estranxeiro.

Case en paralelo ao auxe dos negocios dedicados á natureza, no viveiro de Ourense rexistraron o dos proxectos relacionados co software e as novas tecnoloxías. Ana Enríquez, enxeñeira informática, decidiu abandonar os seus dous empregos para embarcarse na posta en marcha de Ziblec, a peme de desenvolvemento de webs e aplicacións móbiles que hoxe dirixe. Asegura que a súa motivación foi que na zona non atopaba empresas do sector que desen unha oportunidade á investigación en ámbitos como o deseño ou a estruturación.

Estas dúas emprendedoras destacan do seu paso polo viveiro o contacto con outras iniciativas e a consecuente posibilidade de establecer sinerxías. Tamén fan fincapé no bo escaparate que supuxo para os seus proxectos nacer en pleno parque tecnolóxico.

Unha aplicación para móbiles que pode axudar a salvar vidas

Nos dous anos de andaina que leva Ziblec, empresa creada na incubadora da Cámara ourensá, un dos seus proxectos destacou por enriba do resto. Trátase de RCP Coach, unha aplicación concibida para indicar a relaxación e a compresión que hai que realizar durante unha reanimación cardiopulmonar (RCP). Esta ferramenta permite adestrar e avaliar unha técnica que, ben utilizada, pode salvar vidas pero que a maioría da poboación non sabe utilizar correctamente.

A idea xurdiu e foi desenvolvida e autofinanciada por esta peme e dous grupos de investigación (das universidades de Vigo e A Coruña) ligados ao salvamento e ao socorrismo. A aplicación está dispoñible para os sistemas operativos Android e iOS e utiliza todas as funcións das que dispón un teléfono intelixente para adestrar o usuario na RCP.

(Fonte: Cinco Días)