A peme galega máis global é unha «spin off» xurdida da Universidade de Santiago

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O ránking que elabora Ardán sobre o desempeño internacional das empresas galegas sitúa a unha firma de Santiago no número un do posto a nivel galego. Trátase de Mestrelab Research S.L., unha spin off xurdida da Universidade de Santiago (USC) hai máis de tres lustros, que facturou o pasado ano cinco millóns de euros (4,6 no 2018) e ten no cadro de persoal corenta traballadores. Esta compañía tecnolóxica vende un software que permite estudar a estrutura máis íntima da materia, o que ten aplicacións para o sector farmacéutico. O indicador Ardán inclúe unha serie de variables que van máis alá da mera cifra bruta de facturación no estranxeiro: analiza a intensidade exportadora, o que se vende fóra da UE, o establecemento exterior, os empregados dedicados á internacionalización e os clientes estranxeiros, entre outras variables. 

Universidades como Harvard, Yale, Oxford e Princeton, institucións como a Nasa e laboratorios como Pfizer ou Bayern utilizaron os desenvolvementos desta empresa. 

“Na actualidade seguimos traballando no desenvolvemento de novas técnicas e aplicacións de resonancia magnética nuclear, que van desde a análise automática de moléculas pequenas a estudos metabolómicos e caracterización de produtos naturais; o obxectivo é proporcionar unha ferramenta de análise que permita unha comparación precisa a nivel atómico entre un novo biofármaco desta natureza con outro de referencia a fin de garantir tanto a eficacia do medicamento como a seguridade dos pacientes”, explica Carlos Cobas, fundador da compañía. 

Mestrelab está tamén inmersa no proxecto FutureLab, cuxo obxectivo é o desenvolvemento dunha contorna dixital intelixente que dea soporte á globalización, conexión e automatización dos laboratorios nas industrias farmacéuticas, biotecnolóxicas e químicas, así como a universidades e a centros de investigación gobernamentais. Tal e como explican desde a empresa, trátase dunha iniciativa que se encadra no modelo de industria 4.0, e que conta con apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) e co respaldo financeiro dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder). 

Fonte: La Voz de Galicia