Patentan un produto biotecnolóxico que fai impermeable o papel con encimas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

O novo investigador Oriol Cusola, do grupo científico papeleiro CelBiotech, da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) en Terrassa, patentou un novo produto biotecnolóxico para fabricar papel impermeable mediante encimas naturais.

Segundo informou a UPC, trátase dun composto acuoso natural que permite conferir determinadas propiedades avanzadas a calquera material de base celulósica. A patente, froito da súa tese doutoral, dirixida por Branca Roncero e Cristina Valls, permitirá a partir de agora modificar a superficie de produtos papeleiros de forma simple, usando métodos biotecnolóxicos e respectuosos co medio, sen ter que deter a produción nunha parte do proceso, como se fai agora.

Segundo a UPC, este novo material axudará a aforrar grandes cantidades de produtos químicos no proceso de fabricación de papel. O composto creado por Oriol Cusola substitúe aos reactivos químicos tradicionais por encimas naturais, é biodegradable, natural e non leva consigo impacto ambiental, pero, sobre todo, é doadamente aplicable no proceso de produción, ademais de non requirir dun investimento adicional para ser aplicado industrialmente.

De momento, segundo a UPC, a empresa que aplique o novo produto poderá fabricar papel impermeable dun xeito alternativo, utilizando a biotecnoloxía, e sen empregar os produtos químicos comúns que dificultan o proceso de reciclaxe do papel. O grupo de Cusola tamén experimentou o composto biotecnolóxico con outros produtos de base celulósica (por exemplo, determinados téxtiles) para comprobar a súa efectividade, e conseguiron que un babeiro de bebé sexa impermeable por unha soa cara aplicando a nova substancia cun aerosol.

Actualmente, existen no mercado preto de 2900 tipos diferentes de papeis especiais que non se utilizan para escribir. En pleno crecemento das publicacións electrónicas, a tendencia do sector papeleiro no ámbito internacional estase a orientar cara á busca da modificación ou funcionalización das propiedades da celulosa para xerar novos usos e novas aplicacións.

Por exemplo, conseguir que o papel conteña as propiedades do plástico ou doutros produtos derivados do petróleo para fabricar tetrabricks biodegradables; modificalo para que sexa antioxidante e poida conservar durante máis tempo os alimentos, ou cambiar as súas propiedades para que sexa tan impermeable que sirva para fabricar vasos de papel sen necesidade de engadir parafina.

(Fonte: EFE)