O Parque Tecnolóxico de Galicia presenta o Plan Estratéxico 2022-2024 co que agarda consolidar a actividade empresarial a través da innovación e a sustentabilidade

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

O Consello da Xunta do 3 de marzo coñeceu o Plan Estratéxico 2022-2024 do Parque Tecnolóxico de Galicia co que a entidade agarda abrir unha nova etapa de crecemento e consolidación da actividade empresarial, apostando pola innovación e a sustentabilidade para captar investimentos e atraer e reter talento.

Coincidindo co trixésimo aniversario de Tecnópole, ponse en marcha este instrumento que ten como principais obxectivos a atracción de novos proxectos empresariais cará ás oficinas dispoñibles; a mellora de servizos e infraestruturas; a posta a disposición de novos espazos para emprendedores e autónomos; impulsar programas para a aceleración empresarial e aproveitar as oportunidades que abre a chegada do AVE a Ourense.

A aceleradora Galicia Avanza

Unha das primeiras medidas que se porá en marcha será a aceleradora Galicia Avanza, especializada na internacionalización das pemes innovadoras, tras autorizar o Consello da Xunta o convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación (Gain), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Tecnópole. Destinarase un investimento de 2,24 millóns de euros para celebrar dúas convocatorias entre este ano e o que vén co obxectivo de apoiar 60 iniciativas.

A nova aceleradora busca aproveitar a demanda actual social e industrial, para que as solucións innovadoras galegas no eido tanto dos produtos como dos servizos de pemes de calquera ámbito ou sector -e que estean dispoñibles ou moi próximas ao mercado- poidan alcanzar presenza ou fortalecerse no exterior no menor tempo posible.

Para logralo, ofrécese un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Aprovéitase, deste xeito, a experiencia de Tecnópole neste tipo de programas e súmase á celebración, nesta mesma entidade, dun dos 11 espazos coworking que este ano se realizarán por toda a xeografía galega para acompañar novas iniciativas empresariais na súa fase inicial ou de consolidación; ou ao recente acordo entre a Administración galega con AJE Ourense e o Parque Tecnolóxico de Galicia para poñer en marcha un polígono virtual con diferentes servizos e produtos de dixitalización, como a creación dunha plataforma dixital, hosting e dominio adaptados a cada usuario en función das súas necesidades, espazo de traballo con solucións cloud e mesmo asesoramento e outras actuacións complementarias.

Estes servizos completarán a rede de infraestruturas singulares que Tecnópole xa ten en activo ou en desenvolvemento como o CIS Madeira, o Centro de Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas Tecmeva, o Laboratorio de Biotecnoloxía ou o búnker de seguridade. Infraestruturas ás que se sumará un Centro de Ciberseguridade, a través da colaboración público-privada, que poida dar resposta tanto ás ciberameazas como aos retos de seguridade actuais a nivel da cidadanía e tamén no ámbito empresarial, cun investimento de 18 millóns de euros.

Centro de negocios e un edificio eco-responsable

Cun total de 97 empresas implantadas -cunha facturación que supera os 200 millóns de euros- e 1600 persoas traballando nelas, Tecnópole aspira a seguir atraendo investimentos e, deste xeito, ocupar os espazos dos que dispón. Ademais, ao longo dos vindeiros anos, traballará na posta a disposición de autónomos e empresas de novos espazos como un centro de negocios ou un edificio eco-responsable e modular destinado a empresas de tamaño medio e que permitirá agregar novos módulos segundo o requira a demanda.

Implantación dunha comunidade enerxética

A mellora de infraestruturas e servizos será outra das prioridades. De feito, xa se realizaron melloras no alumeado ou na red wifi e está previsto tanto acondicionar zonas comúns como reducir a pegada de CO2, fomentar a recollida selectiva de lixo, mellorar as telecomunicacións, así como apostar polo autoconsumo a través de implantación dunha comunidade enerxética da que se beneficiarán ao redor de 50 empresas que se poderían ir incrementando. Cun investimento de 2 millóns de euros, o proxecto contaría cunha potencia instalada de 2 MW a través da dispoñibilidade de espazo en cubertas de edificios e terreos para a xeración duns 2500 MWh/ano.

No eido da divulgación científica, Tecnópole seguirá apostando por propostas como Galiciencia ou a Aula Newton, a primeira de carácter permanente de España impulsada por First Scandinavia e Boeing.

Desde Tecnópole tamén se queren aproveitar as novas oportunidades que abren os fondos europeos Next Generation, ofrecéndose como espazo para a implantación de novos proxectos empresariais, e a posta en marcha dunha oficina técnica de proxectos. Por outro lado, buscarase que a chegada do AVE se converta nun atractivo destino para empresas de fóra de Galicia.

Fonte: Tecnópole