Paredes que se autolimpan grazas a nanopartículas que reaccionan con luz

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Contra os virus e xermes volátiles que rebotan, xurdiron as paredes e chans que se autolimpan. A empresa viguesa Merchant Union asinou un acordo para usar a patente americana do produto desinfectante de acción fotocatalítica PurifAir. Está á espera de obter os resultados do test microbiolóxicos oficiais para comercializalo. Trátase dunha nova solución para evitar contaxios de covid-19 e protexer doutros virus e bacterias. A idea, segundo explica o xerente de Merchant Union, Roque Varela de Limia, é obter un certificado de produto antibacteriano das autoridades sanitarias. Xa pasou un test privado que outorgou unha efectividade do 99,9 % e agora esperan obter a máxima cualificación do Instituto Valenciano de Microbiología (Ivami) dentro dun mes.

PurifAir consiste nunha aplicación de pintura impregnada de nanopartículas que reaccionan coa luz (o mecanismo actívase cunha mínima incidencia de raios UVA) e que eliminan por unha reacción fotocatalítica natural a contaminación, sucidade e xermes que hai ao redor. Abonda con pulverizar as superficies e a súa acción antiséptica empeza a traballar cunha eficacia mínima dun ano, sempre que na estancia entre luz solar ou raios UVA. A desinfección realízase en apenas 30 segundos e segue activa entre un e tres anos, en función das condicións da superficie aplicada.

Varela de Limia explica que a súa empresa leva 30 anos no sector químico e de pinturas para o mercado marítimo. “Temos inquedanzas por buscar solucións de sustentabilidade”, afirma. O nanoproduto que agora lles ocupa é unha solución que combina varias medidas e que non é prexudicial para as persoas como a lixivia. “É inocua e non contaminante”, di. Nunha hora, os seus operarios poden aplicar a pintura con nanopartículas a unha oficina de cen metros cadrados. Unha nave podería estar lista nunha noite. Aínda que o habitáculo está en continua desinfección, os empregados poden traballar con normalidade no mesmo lugar.

Segundo explican fontes da empresa, PurifAir é un produto con desenvolvemento e patente en Estados Unidos. A firma viguesa comezou hai un ano as negociacións coa marca orixinal para creala a escala rexional e dotar ao produto dun plus co seu know how de 30 anos no sector marítimo como distribuidores de bioaceites (Repsol) e pinturas de alto compoñente técnico (Pinturas International).

A fotocatálise, mediante un proceso de oxidación activado pola enerxía solar, elimina os contaminantes habituais na atmosfera, como o óxido de nitróxeno (xerado na combustión de vehículos), o óxido de xofre (na combustión de carbón) ou os compostos orgánicos volátiles. O fotocatalizador máis usado é o dióxido de titanio.

Con PurifAir conséguese unha exposición do 100 % dese dióxido que actúa como un catalizador en contacto con luz ultravioleta e disolve as partículas incrustadas, á vez que manteñen as súas propiedades. Destrúe as partículas orgánicas, contaminantes, mata as bacterias e produce un efecto superhidrofílico na superficie. O covid-19 terao máis difícil a partir de agora.

Fonte: La Voz de Galicia