A pantalla táctil con LED infravermello gaña o primeiro premio da Galiciencia 2014

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
A pantalla táctil con LED infravermello presentada na Galiciencia 2014 foi o proxecto gañador absoluto do certame, no que participaron 44 equipos de estudantes de ESO e Bacharelato de toda Galicia e tamén de Barcelona, aos que este ano se sumaron como novidade outros 20 de Primaria fóra de competición.

Este proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e gañador absoluto ao impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato. Pablo González e Efrén Varón, do Colexio Santa Teresa de Jesús Carmelitas de Ourense, presentaron un proxecto tecnolóxico que foi destacado de xeito unánime polo xurado.

Os premios foron entregados polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, que agradeceu o esforzo de alumnos e profesores e destacou que a súa iniciativa "ten moito mérito", ao que engadiu o importante que é este certame para fomentar as vocación científicas entre os máis novos.

O equipo gañador levará o seu proxecto á Exporecerca, a feira científica máis importante a nivel estatal, que se celebrará en Barcelona na primavera de 2015. Pablo e Efrén foron capaces de deseñar un sistema que converte calquera pantalla de ordenador convencional nunha pantalla táctil. "Fabricamos un punteiro con luz LED co que se pode escribir na pantalla e usamos o mando da Wii como dispositivo de conexión bluetooth entre o punteiro e a pantalla", explican. O sistema é tan sofisticado que permite usalo tanto na pantalla do ordenador como nunha proxección se se quere visionar a maior escala.

O gañador na categoría de 1º ciclo da ESO, Beltrán Sousa, do Colexio Guillelme Brown (Pereiro de Aguiar, Ourense), demostrou a utilidade das labras de lapis e ceras de cores para fabricar calcetíns e equipos para zapatos cómodos, económicos e ecolóxicos.

Na categoría de Bacharelato as gañadoras foron Olalla Álvarez e Sara González, do IES David Buján de Cambre (A Coruña), que deseñaron un sistema de alerta de temperatura para instrumentos musicais. Mediante un pequeno circuíto implantado nas fundas dos instrumentos e dotado con sensor de temperatura e humidade, o usuario recibe alertas sonoras e lumínicas mediante luces LED cando se alcanzan condicións ambientais que poden ser daniñas.

Cada un dos membros dos tres equipos gañadores levou unha cámara deportiva de fotos e vídeo. Este ano tamén se entregaron diplomas aos segundos e terceiros clasificados en cada categoría.

Saray Ramiro, do Colexio Guillelme Brown, quedou segunda na categoría de 1º ciclo da ESO co seu proxecto de elaboración de plástico biodegradable utilizando como materia prima leite de orixe animal. O terceiro posto nesta categoría correspondeu a Matías Caballero e Pablo Rodríguez, do Colexio Alborada de Vigo, polo seu estudo sobre o cultivo das ascidias (organismos mariños que teñen capacidade filtradora) na Ría de Vigo para producir biomasa.

Na categoría de 2º ciclo da ESO, o freo de seguridade para cadeiras de bebé de Diego García e Ignacio González, estudantes do Colexio Los Sauces (Mos, Pontevedra), quedou clasificado en segundo lugar. O terceiro correspondeu ao proxecto de síntese de biodiésel a partir de aceite de cociña usado deseñada por Carlos Martínez e David Santos, do CPI San Sadurniño (A Coruña).

O segundo clasificado na categoría de Bacharelato foi o proxecto de conservación de alimentos mediante ultrasóns desenvolvido pola ourensá Claudia Escapa nas Aulas Tecnópole, mentres que o terceiro foi para o robot submarino 'Tecnorov' de Ángel Muiño e Daniel Pérez do IES Ortigueira (A Coruña).

Final da Semana da Ciencia en España

Coa clausura da Galiciencia deuse por rematada a Semana da Ciencia en España, na que a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) destacou entre as actividades de referencia a feira celebrada en Tecnópole. A entidade foi cofinanciadora do evento xunto coa Consellería de Economía e Industria.

Os proxectos premiados foron elixidos por un xurado experto formado por 34 persoas, entre os que se atopaban científicos, profesores e empresarios de Tecnópole. Despois de visitar os 44 proxectos participantes fixeron as súas avaliacións e coa media das puntuacións elaborouse o ránking final.

Todos estes proxectos estiveron expostos durante tres días no recinto de Tecnópole e recibiron a visita de máis de 2000 persoas, entre grupos de colexios e familias que asistiron por libre.

No acto de clausura entregáronse tamén os premios dos concursos de fotografía e de deseño da camiseta oficial da Galiciencia convocados antes da celebración da feira. Os gañadores do de fotografía son do Colexio Alborada de Vigo: a profesora Adela Queimadelos e a alumna Rebeca Troncoso. O do deseño da camiseta foi para María Crespo, do CPI Lamas de Abade de Santiago de Compostela.

(Fonte: Tecnópole)