Paneis solares fabricados en Tecnópole abastecerán 43.000 fogares en India

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

O grupo T-Solar, instalado no Parque Tecnolóxico de Galicia, anunciou a ampliación do seu programa de expansión internacional coa construción de 61 novos megavatios (MW) en India e Perú. A posta en marcha de senllos proxectos en ambos os dous países supón un investimento conxunto de 156 millóns de euros e converte á compañía galega na primeira española que conecta unha planta solar na península hindú.
 
A empresa, que dispón de 230 MW en operación e construción en España, Italia, India e Perú, acaba de conectar a súa primeira central fotovoltaica na India de 5 megavatios con paneis de lámina delgada de silicio amorfo producidos na factoría de Tecnópole. Esta nova planta está situada nas proximidades de Jodhupur, no estado de Rajasthan, e achegará 8,5 xigavatios por hora ao sistema eléctrico do país. Esta central, ademais de ser a primeira española na India, é tamén unha das primeiras que entran en servizo no marco da Jawaharial Nehru National Solar Mission (JNNSM).
 
A central foi promovida conxuntamente por T-Solar e Astonfield Renewable Resources en virtude dun acordo subscrito en xuño para o desenvolvemento en India de proxectos fotovoltaicos. Precisamente antes de fin de ano, ambas as dúas compañías conectarán unha segunda central en Pailán, estado de Gujarat. Esta planta, de 12,3 MW xerará anualmente 19,4 GWh que servirán tamén para alimentar o sistema eléctrico do país, cuxa demanda está en pleno crecemento. Segundo explicou a compañía, o investimento en ambos os dous proxectos xerarán enerxía abonda para abastecer máis de 43.000 fogares indios. O investimento para levalos a cabo ascende a 38 millóns de euros.
 
20 anos en Perú
 
No caso de Perú, a compañía instalada en San Cibrao das Viñas resultou adxudicataria en 2010 dun contrato por 20 anos para a subministración ao Goberno da enerxía producida en dúas plantas fotovoltaicas dun total de 44 megavatios. As centrais situaranse en Arequipa, ao sur do país, e serán os primeiros proxectos de enerxía solar de grande escala en Perú.
 
Os módulos de capa delgada fabricaranse tamén en Ourense e producirán 80 GWh ao ano para abastecer máis de 18.000 fogares peruanos. Neste caso, o grupo prevé a súa conexión á rede en xuño do ano próximo.
 
O investimento total dos dous proxectos en Perú ascende a 118 millóns de euros que serán financiados, en parte, pola axencia estadounidense Overseas Private Investment Corporation, (OPIC).
 
(Fonte: Faro de Vigo)