Os países da UE pactan normas de acceso a fondos de investigación ata 2020

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O Consello de Ministros de Competitividade da UE alcanzou un acordo político sobre as normas para que os proxectos de investigación accedan aos fondos europeos entre 2014 e 2020, e recolle a proposta de España de financiar o 100% aos centros de investigación de prestixio.

Tras un longo día de negociación, os ministros, reunidos en Luxemburgo, consensuaron que as institucións públicas sen ánimo de lucro que garantan unha boa xestión do seu financiamento, poidan optar a un reembolso de ata o 100% dos gastos indirectos vinculados a proxectos, como pode ser o uso das súas instalacións.

Esa tese era defendida por España, Alemaña, Reino Unido, Finlandia, Holanda, Austria, Bélxica ou República Checa.

A proposta da Comisión Europea baseábase en simplificar a solicitude e adxudicación de fondos europeos baixo a iniciativa "Horizonte 2020", a estratexia comunitaria para impulsar a investigación e a innovación no período 2014-2020, á que quere dotar de 80.000 millóns de euros (a cifra final aínda debe ser consensuada polo Parlamento Europeo e o Consello).

O obxectivo era evitar o exceso de burocracia, os erros de cálculo, as auditorías e mesmo caóticos procesos de devolución de axudas europeas. Para iso, a Comisión propuxera en liñas xerais reembolsar o 100% dos custos directos dos proxectos e un 20% dos custos indirectos (uso das instalacións das universidades ou centros de investigación).

Tras a presión exercida por países como España ou Alemaña, os socios comunitarios acordaron aumentar o reembolso dos custos indirectos dos proxectos seleccionados ata o 25%, e incluír como custos directos ou "elixibles" aqueles indirectos que efectuen centros de investigación que reciban unha certificación da Comisión Europea pola súa excelencia.

España pretendía que as institucións que poñen ao servizo de proxectos comunitarios as súas custosas e modernas infraestruturas, non saísen desfavorecidas na repartición do financiamento.

A secretaria de Estado española de Investigación, Carmen Vela, defendeu nunha das súas intervencións que "a simplificación é perfectamente compatible con asegurar que o novo enfoque non prexudique gravemente a excelentes participantes".

En concreto, referiuse a aquelas institucións públicas sen ánimo de lucro que "fixeron un esforzo moi importante por implantar sistemas de contabilidade analítica para a xestión dos seus proxectos". "É esencial manter esa boa práctica de xestión, que permite coñecer os custos indirectos realmente incorridos, e cremos que deben seguir sendo considerados como elixibles para o seu reembolso", engadiu. O outro punto que quedaba por resolver era a remuneración dos investigadores.

O grupo dos últimos doce países adheridos á UE -que contribúen plenamente ao programa marco de investigación pero que reciben a cambio unha baixa rendibilidade- e Croacia reclamaban equiparar os salarios dos seus investigadores á remuneración dos doutros Estados membros (en ocasións, ata dez veces inferiores). Outros Estados membros, como Suecia, mostráronse contrarios a ofrecer primas aos investigadores.

Finalmente, o acordo alcanzado propón establecer unhas primas máximas de 8000 euros anuais por persoa, de forma que se limite a esa cantidade as axudas que reciban os investigadores beneficiarios de fondos europeos e se dean máis garantías sobre o control financeiro.

(Fonte: EFE)